CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Beatriz Mato Otero, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Garantir a sustentabilidade do medio ambiente é un dos grandes retos da sociedade contemporánea. A ONU sinalouno no ano 2000 como un dos oito obxectivos do milenio. E máis recentemente, en 2015, as Nacións Unidas ampliaron e diversificaron ditos obxectivos, incluíndo explicitamente aspectos tan esenciais como a loita urxente contra o cambio climático, un saneamento das augas para todos, a conservación de mares e océanos, a protección dos ecosistemas terrestres, o freo á perda de biodiversidade, ou a consecución de cidades e asentamentos humanos inclusivos, seguros, resilientes e sostibles.

Na lista de obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU o medio ambiente acumula o maior número de desafíos. Aínda máis significativo é que estea presente de forma transversal en todos os retos do milenio que vimos de comezar. Significativo e lóxico ao mesmo tempo, posto que a conciencia medioambiental está na base tanto do desenvolvemento como da sostibilidade. Só nun planeta sostible é posible alcanzar unha calidade de vida perdurable e saúdable para a sociedade, así como o crecemento económico que precisan os países en vías de desenvolvemento. 

A Galicia moderna, do século XXI, que estamos a construír entre todos, precisa dunha Consellería que dedique todos os seus esforzos a dar cumprimento a eses desafíos. Galicia sempre gozou dunha riqueza e diversidade natural que a fai única. Dende o noso pequeno curruncho, no extremo máis occidental de Europa, temos agora a oportunidade única de converternos nos próximos anos nun dos referentes na loita medioambiental.
A esa meta imos dedicar todo o noso traballo: procurando unha Galicia cunhas rías completamente saneadas, xestionando os residuos segundo o modelo das ‘catro erres’ (redución, reutilización, reciclaxe e recuperación), poñendo en valor os espazos naturais máis emblemáticos, conservando a biodiversidade autóctona, e protexendo a paisaxe que nos dota de identidade a través do urbanismo responsable que propón a nova Lei do Solo.  

Somos conscientes de que conseguilo requirirá un esforzo inxente, pero sabemos tamén que os beneficios serán enormes: que os galegos e galegas poidan gozar en plenitude da mellor terra do mundo, e deixarlla esa herdanza ás xeracións vindeiras. A herdanza da Galicia verde e azul. A mellor herdanza posible.


Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio