CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia invita aos viticultores e adegueiros das Neves a unha charla de presentación

O evento enmárcase nun convenio de colaboración entre o centro e o Concello co obxectivo de potenciar o sector do viño local

Santiago, 17 de marzo de 2017.- A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, fará unha presentación oficial aos adegueiros e viticultores do concello das Neves mañá, 18 de marzo, no auditorio municipal. O evento encádrase no marco dun acordo de colaboración para potenciar o sector do viño nese municipio asinado polo director da Evega, Juan Casares, e o alcalde do concello, Xosé Manuel Rodríguez.

O acordo contempla a colaboración para o desenvolvemento de tres actividades formativas e divulgativas entre os meses de febreiro e xullo de 2017. A primeira actividade foi un curso de poda no que participaron 31 viticultores do municipio e que se desenvolveu os días 10 e 11 de febreiro cunha duración de 8 horas.

Agora levarase a cabo unha presentación formal da Evega aos viticultores e adegueiros das Neves que consistirá nunha charla sobre as funcións que ten o centro dependente da Consellería do Medio Rural e as actividades que desenvolve. Ao remate está prevista unha cata de viños onde as adegas do concello das Neves presentarán os seus viños. A duración é de 3 horas e a inscripción gratuíta. Os interesados poden aínda confirmar a súa asistencia nos teléfonos 686 978607 ou 630 628040.

Por último, para o 7 de xullo, no marco da Festa do Viño Tinto Rías Baixas, está prevista unha presentación das conclusións do proxecto de investigación que a Evega levou a cabo sobre os viños ecolóxicos. De novo, a conferencia, baixo o título o “Estudio del comportamiento agronómico de variedades autóctonas y la diversidad de la población de levaduras en viñedo ecológico y convencional: influencia en el vino”, rematará cunha cata, neste caso, de viños ecolóxicos e biodinámicos.

Atribucións da Evega


Dende a súa inauguración, o 5 de novembro de 1985, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia é un núcleo xerador de oportunidades para a vitivinicultura a través da súa actividade investigadora e de I+D+i dos que derivan conceptos que adopta o sector. Trátase da segunda estación enolóxica máis nova de España, pero a máis completa en atribucións. De feito, independentemente das colaboracións en publicacións técnicas e científicas ou en medios divulgativos que faga, a Evega desenvolve tamén unha difusión directa das innovacións a través de cursos, xornadas e talleres. Así mesmo, contribúe á formación dos futuros profesionais a través de convenios con centros de formación profesional, desenvolvemento das prácticas curriculares e o adestramento de bolseiros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es