CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente inicia de xeito inmediato os traballos do primeiro Plan de cartografía e información xeográfica da comunidade

Trátase dun dos tres instrumentos que conforman o Sistema Cartográfico de Galicia -xunto co Rexistro de Cartografía de Galicia e a Cartoteca de Galicia- que ten por obxectivo garantir a coherencia dos datos espaciais e asegurar a calidade da produción cartográfica

A conselleira de Medio Ambiente avanza que desde hoxe está dispoñible a Base de Datos Cartográfica de Galicia, que se pode consultar de xeito gratuíto sen restricións e con total transparencia

Beatriz Mato destaca que esta información é imprescindible para o deseño das diferentes políticas sectoriais, que no caso do medio ambiente axudan a comprender como actúan as forzas sobre o territorio e os impactos que se derivan
 

  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a Xornada de información xeográfica no ámbito municipal
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a Xornada de información xeográfica no ámbito municipal
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a Xornada de información xeográfica no ámbito municipal
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a Xornada de información xeográfica no ámbito municipal

A Coruña, 17 de marzo de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará de xeito inmediato os traballos do primeiro Plan galego de cartografía e información xeográfica. Así o adiantou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a Xornada de información xeográfica no ámbito municipal, onde indicou que o Instituto de Estudos do Territorio convocará a primeira reunión da Comisión de coordinación, para traballar no desenvolvemento do primeiro dos instrumentos que forman parte do Sistema Cartográfico de Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que o departamento que dirixe aprobou un regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica, que regula e ordena a produción cartográfica, con catro grandes obxectivos como favorecer a eficiencia no gasto público. Indicou que a información xeográfica está concentrada maioritariamente no sector público, polo que o feito de non coñecer a información dispoñible provoca que os datos se compren unha e outra vez por diferentes administracións. Deste xeito evítase a dispersión e duplicidade dos recursos públicos, ao tempo que se promove a cooperación interinstitucional.

Outro dos obxectivos é garantir a homoxeneidade, coherencia e continuidade desa información, sobre todo tendo en conta que o proceso á hora de obter eses datos xeográficos estivo, tradicionalmente, caracterizado por unha serie de dificultades, con formatos e prezos moi dispersos; polo que tamén é un reto organizar e xestionar a información xeográfica e integrala nun modelo de datos homoxéneo con estándares internacionais.

Mato Otero lembrou que esta información era empregada de xeito habitual por administracións públicas, empresas e o mundo académico, pero na actualidade o uso destes datos polo cidadáns está a incrementarse dunha xeito moi rápido. Por esta razón, a Consellería está a traballar nesa senda: “asegurar o acceso de toda a cidadanía dun xeito sinxelo e rápido”, indicou a conselleira.

Engadiu que o Rexistro de cartografía de Galicia, que tamén establece o decreto aprobado recentemente no Consello da Xunta, será unha ferramenta para levar un control de toda a cartografía que produce a Administración autonómica, coa súa inscrición; mentres que a Cartoteca de Galicia velarase pola súa conservación e difusión.

Base de datos cartográfica de Galicia

A conselleira avanzou esta mañá que o departamento que dirixe activou a Base de datos cartográfica de Galicia en formato SIX (Sistema de Información Xeográfica) (http://mapas.xunta.gal), que aglutina unha gran cantidade de información temática nun formato normalizado, á que se pode acceder de forma aberta e gratuíta, sen restricións e con total transparencia.

É a primeira vez que Galicia conta cunha cartografía autonómica adaptada aos requirimentos da produción dixital da información, para a súa utilización directa en Sistemas de Información Xeográfica (SIX), integración en infraestruturas de datos espaciais ou a súa implementación en servidores web de mapas.

Tal e como explicou a conselleira esta fonte de información con todas as súas posibilidade de análise espacial permite a planificación territorial, polo que a Xunta a empregará como base para o futuro Plan Básico Autonómico. “Esta base non é un punto final, senón un punto de partida”, pois está preparada para a súa actualización por capas que permite unha actualización continua da mesma, co obxectivo de acadar un alto grado de dinamismo na cartografía.

Valor da cartografía

Mato Otero indicou que a información xeográfica é fundamental para o proxecto global de Sociedade da Información e por iso que Galicia debe avanzar cara unha sociedade baseada na xeración e uso de coñecemento, produtos e servizos de información, e deste xeito propulsar o crecemento económico e a competitividade.

Ademais do valor económico, a información xeográfica ten un valor social significativo, xa que é imprescindible para o deseño das diferente políticas sectoriais, dende o urbanismo e planificación territorial ata o inventariado e catalogación do patrimonio cultural, pasando pola planificación de infraestruturas civís, rutas e itinerarios turísticos, infraestrutura agraria, ou hidrolóxica.

Por último, engadiu que a información constitúe un elemento chave para apoiar un bo goberno a todos os niveis pero, en particular, en relación ao medio ambiente, pois axuda a comprender as forzas que actúan sobre o territorio e os impactos que se derivan das actuacións do home.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es