CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita os traballos de normalización das bases de datos das entidades de poboación e da toponimia cartográfica de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente publica hoxe este contrato que tamén representa un paso máis nos traballos de redacción do Plan Básico Autonómico, que establece a Lei do solo de Galicia

O territorio galego caracterízase por unha alta densidade de ocupación e por un sistema de asentamentos cunha elevada dispersión, moitos deles non aparecen nos mapas, polo que non se teñen en conta en moitos estudos ou traballos

Esta base de datos harmonizarse e integrase coa toponimia oficial do Nomenclátor Xeográfico Básico de España
 

Santiago, 20 de marzo de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o contrato para os traballos de normalización das bases de datos das entidades de poboación e da toponimia cartográfica de Galicia por un importe de 40.000 euros.

Coa licitación deste contrato dáse un novo paso para a elaboración do Plan Básico Autonómico, que recolle a Lei do solo, e co que a Xunta pretende ordenar os 33.000 núcleos de poboación que existen en Galicia.

Unha das características definitorias e singulares do territorio galego é a súa alta densidade de ocupación, derivada dun sistema de asentamentos caracterizado por unha elevada dispersión. Moitos deses asentamentos non aparecen nos mapas e, por tanto, non poden ser tidos en conta en moitos estudos ou traballos sobre o territorio, pois se descoñece a súa localización.

O obxectivo desta tarefa é mellorar a xeorreferenciación de cada unha das entidades de poboación de Galicia almacenadas na base de datos de entidades de poboación e localizar os asentamentos que non dispoñen de coordenadas. O resultado, que permitirá a normalización da toponimia na cartografía, servirá no futuro como base de datos de referencia sobre entidades de poboación para todas as administracións. Para acadar este reto de contar cunha única base de datos de entidades de poboación normalizada e xeorreferenciada faise necesario realizar un traballo de revisión en campo e integración da nova información da base de datos do Nomenclátor.

De xeito paralelo, a Comisión de Toponimia, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Real Academia Galega (RAG), traballan na revisión do Nomenclátor de Galicia para que todas as poboacións figuren no mesmo. O Instituto de Estudos do Territorio colabora con eles levando a cabo a xeorreferenciación dos asentamentos de poboación, para que ademais de estar rexistrados no Nomenclátor, poidan ser localizados xeograficamente no territorio e aparezan en todas as cartografías.

Unha vez realizada esta tarefa, procederase a oficializar esta base de datos segundo o novo Decreto que aprobou o regulamento para a ordenación da actividade cartográfica en Galicia, para posteriormente harmonizarse e integrase coa toponimia oficial do Nomenclátor Xeográfico Básico de España.

As persoas interesadas en presentar as súas ofertas a este contrato poderán facelo nos próximos 15 días naturais, a contabilizar desde mañá (día seguinte da publicación da resolución no DOG). O adxudicatario do contrato dispón dun prazo máximo de tres meses para a elaboración dos traballos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es