CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente analizará o modelo de control sobre a legalidade e a ordenación sustentable do territorio no III Congreso sobre disciplina urbanística: unha perspectiva global

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza unhas xornadas dirixidas a persoal da administración, xuristas, profesionais do sector e público en xeral que se desenvolverán o vindeiro mes de xuño en Santiago de Compostela

Co fin de acadar unha visión integral sobre a materia, contarase coa participación de expertos do ámbito académico, xudicial e administrativo que achegarán os seus coñecementos e experiencias na consecución dun urbanismo responsable

As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da web da Axencia de Protección e Legalidade Urbanística (APLU) antes das 15 horas do 13 de xuño
 

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio analizará o modelo actual de control e supervisión sobre a legalidade e ordenación sustentable do territorio no III Congreso sobre disciplina urbanística: unha perspectiva global. Con estas xornadas, o departamento autonómico pretender abrir un espazo para a reflexión e o intercambio de experiencias e iniciativas encamiñadas a garantir a protección dos recursos naturais e o crecemento urbanístico ordenado.

Este congreso, que organiza a Axencia de Protección e Legalidade Urbanística (APLU), está dirixido a persoal da administración, xuristas, profesionais do sector e público en xeral e celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia os vindeiros 15 e 16 de xuño. A idea coa que nace esta iniciativa é emprender accións formativas que axuden á concienciación da sociedade e das entidades públicas e privadas sobre a importancia de preservar os recursos naturais perecedoiros como son, entre outros, o solo e a auga; e acadar unha cultura de respecto pola paisaxe e o territorio.

Asemade, co fin de acadar unha visión global sobre o modelo actual de control e supervisión da legalidade urbanística, contarase coa participación de expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo, que achegarán propostas e solucións coas que garantir a calidade ambiental e paisaxística e o uso racional do solo.

Tamén abordarase o marco legal de protección do litoral e dos procedementos administrativos con repercusión no ámbito da intervención urbanística e estudaranse fórmulas para a loita contra a arbitrariedade e a indisciplina.

A maiores da formación, a inspección está considerada como outra das ferramentas para previr a ilegalidade e a arbitrariedade urbanística, por iso cada vez máis concellos adhírense a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística conscientes dos beneficios da inspección como medida disuasoria e preventiva.

A celebración deste encontro tamén representa unha oportunidade para avanzar no obxectivo que se marcou a actual Xunta de trasladar aos concellos galegos os beneficios de adherirse á APLU, xa que representa o mecanismo idóneo de cooperación para sumar esforzos e acadar entre todos un urbanismo sostible e responsable.

Matrícula gratuíta

As persoas interesadas en participar na terceira edición deste congreso poderán inscribirse a través da páxina web da Axencia (www.axenciaurbanistica.es) ata as 15 horas do vindeiro 13 de xuño. A matrícula é de balde e os participantes recibirán un certificado de asistencia sempre e cando xustifiquen un seguimento do 90 por cento ás actividades lectivas programadas. Ademais, neste documento detallaranse o contido, a carga lectiva, datas e lugar de realización.

Para obter máis información sobre o congreso, os interesados poderán chamar ao teléfono 981 544 325 ou enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo: congreso.aplu@xunta.gal.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es