CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente apela ao apoio do sector hoteleiro para incrementar as cifras de reciclaxe de vidro

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participou esta mañá na entrega de premios aos establecementos hostaleiros que participaron na recollida especial promovida xunto con Ecovidrio e en colaboración co Concello de Ourense

Grazas a esta iniciativa recolléronse case 140 toneladas de envases de vidro nos tres primeiros meses nos que se desenvolveu a campaña, na que participaron máis de 200 locais
 

  • A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático participou esta mañá na entrega de premios aos establecementos hostaleiros que participaron na recollida

Ourense, 20 de abril de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio apela á colaboración e apoio do sector hoteleiro para incrementar as cifras de reciclaxe de vidro. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, participou esta mañá na entrega de premios aos establecementos hostaleiros que participaron nunha campaña especial de recollida deste material porta a porta, promovida xunto a Ecovidrio e en colaboración co Concello de Ourense.

Esta iniciativa centrouse nunha acción encamiñada a promover a reciclaxe de vidro entre os máis de 200 locais de hostalería da zona centro e centro histórico de Ourense. Aqueles hostaleiros que demostraron unha participación activa na campaña accedían ao sorteo mensual dun fin de semana en Sanxenxo nun hotel con spa. Polo que esta mañá fíxose entrega aos seis establecementos da zona premiados dos seus galardóns. A entrega estivo presidida pola directora xeral de Calidade Ambiental e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, xunto co concelleiro da Área de Infraestruturas e Medio Ambiente, José Araujo, e o xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández.

Grazas a esta iniciativa, de porta a porta, conseguíronse recoller, nos máis de 280 cubos repartidos previamente aos hostaleiros, un total de 138.340 kg de envases de vidro que se poderán reciclar. A directora destacou que os datos obtidos durante este período inicial resultan extraordinarios e dan conta do éxito da iniciativa levada a cabo conxuntamente entre a Consellería de Medio Ambiente, o Concello de Ourense e Ecovidrio.

A reciclaxe de vidro en Ourense cidade


A finais de marzo, a Xunta facía públicos os datos de reciclaxe de vidro na cidade de Ourense, que durante o ano 2016 reciclaron un total de 1.042.220 quilogramos de envases de vidro, o que equivale a unha media de case 10 kg de vidro por habitante, é dicir, cada ourensán reciclou 38 envases de vidro por persoa.

Respecto da taxa de contenerización, Ourense sitúase cunha media de 250 habitantes por colector contando na actualidade cun total de 423 colectores para os residuos de envases de vidro instalados neste municipio.

A importancia de reciclar vidro radica no feito de é un material que se recupera ao 100%, tanto nos colectores como mediante o servizo de recollida porta a porta, que é reciclado para fabricar novos envases de vidro, logrando -en consecuencia- múltiples beneficios para o medio ambiente e a sociedade.

Cruz Ferreira recordou que cun xesto tan sinxelo como o de separar as botellas, botellos, tarros e frascos usados para depositalos despois nos colectores, redúcese o consumo de enerxía, afórranse materias primas e diminúense os vertedoiros e a contaminación do aire.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es