CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta acomete a reforma da rede de abastecemento na avenida de Bos Aires, en Mondoñedo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou que se invisten preto de 90.000 euros nos traballos, que teñen un prazo de execución dun mes

Mondoñedo (Lugo), 16 de maio de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciou esta semana os traballos de reforma da rede de abastecemento na avenida de Bos Aires, en Mondoñedo.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que as obras contan cun orzamento de 89.622 euros, e que se abordan para dar resposta ao incremento da demanda que se rexistra sobre todo en época estival, cando as condicións do subministro rebelábanse insuficientes provocando episodios puntuais de desabastecemento. Os traballos comezaron onte e teñen un prazo de execución dun mes.

A intervención consiste en substituír o punto de captación e renovar a tubaxe de abastecemento. Na actualidade, a avenida de Bos Aires abastécese do depósito dos Remedios, do que tamén dependen zonas como Marquide, Viloalle e Pedrido, entre outras. Con esta actuación, tanto a avenida como as piscinas e o campo de fútbol pasarán a depender doutro depósito, o de Supena, co obxectivo de non restar caudal ás outras zonas neses momentos puntuais.

Igualmente, renovarase a tubaxe de fibrocemento existente na avenida, nun tramo de 823 metros, por outro novo de polietileno, para que poida soportar o incremento de presión que supón a conexión co depósito de Supena. Por último, será preciso completar as conexións coa rede.

O delegado territorial subliñou o esforzo que está a realizar a consellería, a través de Augas de Galicia, “por mellorar, modernizar e expandir os servizos básicos de abastecemento e saneamento, acorde coas necesidades de cada zona”.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es