CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Beatriz Mato reclama celeridade na tramitación do convenio da nova EDAR de Santiago

A conselleira de Medio Ambiente e María García Rodríguez concordan en que esta actuación é un tema prioritario para ambas administracións e a secretaria de Estado de Medio Ambiente comprométese a darlle o impulso definitivo

Outro dos compromisos asumidos pola representante do Ministerio é darlle un pulo determinante á tramitación definitiva sobre a titularidade de Os Praceres

Avanza a execución dun plan de actuación para avanzar no traballo de posta en valor do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas

  • Beatriz Mato reclama celeridade na tramitación do convenio da nova EDAR de Santiago
  • Beatriz Mato reclama celeridade na tramitación do convenio da nova EDAR de Santiago

Madrid, 18 de maio de 2017.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reclamou esta mañá ao Goberno do Estado celeridade na tramitación do convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha da nova depuradora de Santiago, a EDAR do Souto. Así o puxo de manifesto na reunión celebrada esta mañá en Madrid coa secretaria de Estado de Medio Ambiente, María García Rodríguez, quen se comprometeu a darlle o impulso definitivo ao contido do convenio de colaboración que deberá ser asinado pola Administración estatal, autonómica e local.

Beatriz Mato lembrou que esta colaboración interadministrativa permitirá facer realidade unha actuación hidráulica moi demandada na cidade de Santiago de Compostela e de gran importancia para garantir a recuperación ambiental do río Sar e o seu ecosistema fluvial. Tamén lle ratificou o compromiso do Goberno galego de aportar a metade do investimento que non sexa financiado polo Estado, é dicir, un 20% do custo total da actuación, declarada de Interese Xeral do Estado.

Por outra banda, a secretaria de Estado tamén se comprometeu a darlle o pulo determinante á tramitación necesaria, que na actualidade pasa por resolver as alegacións presentadas durante o trámite de información pública, para concluír o procedemento para que os terreos nos que se sitúa a EDAR de Os Praceres sexan da Xunta de Galicia.

Tal e como xa se ten manifestado ao Goberno de España, solicitouse colaboración e celeridade para rematar completamente este procedemento sobre a situación desta infraestrutura, que permita a súa ampliación. A conselleira de Medio Ambiente recordoulle que esta actuación mellorará a calidade das augas da cidade de Pontevedra e, en consecuencia, da ría e da actividade marisqueira.

Outros dos puntos abordados na reunión centrouse en proxectos para seguir avanzando na conservación e posta en valor do Parque Nacional Marítimo Terrestre do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A secretaria de Estado confirmoulle que se desenvolverá un plan de actuación, que quedará ratificado nun convenio de colaboración, e que consistirá na posta en marcha de accións de control e erradicación da flora e fauna invasora, na conservación e seguimento de poboacións insulares de anfibios e réptiles de hábitats dunares e de flora dunar e litoral ameazada que se ten detectado en Sálvora, así como accións de investigación e seguimento dos recursos naturais.

Galicia, no grupo de traballo na Estratexia de infraestrutura verde


Galicia será unha das comunidades que formará parte dos grupos de traballo que están a avanzar nalgúns dos grandes retos de futuro nas políticas medio ambientais a nivel estatal e europeo, como a economía circular e, por outra banda, a Estratexia de infraestrutura verde.

De feito, a conselleira indicoulle que Galicia xa está a traballar no primeiro exemplo do desenvolvemento desta estratexia a escala local e nun ámbito urbano, que será o deseño e creación do Sistema de Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña.

Trátase dun proxecto que conta cun investimento de 180.000 euros e no tamén participarán varios grupos de investigación das universidades da Coruña e Santiago de Compostela. Defendeu que é unha iniciativa que tamén segue o exemplo da Estratexia de infraestrutura verde europea, que ten por obxectivo crear un marco robusto e propicio para fomentar e facilitar proxectos de infraestrutura verde mediante os instrumentos de financiamento, políticos e xurídicos existentes. Neste sentido, Galicia aproveitará as sinerxias dos grupos de traballo destas iniciativas a nivel estatal e europeo para extrapolar o mellor exemplo que se implante na Comunidade.

Indicou que esta liña de actuación tamén se seguirá no eido da economía circular, unha materia que xa leva implantada dende hai tempo na axenda europea e que Galicia tamén está a promover fronte ao modelo tradicional de fabricar, usar e tirar. Lembrou que é “unha das prioridades do actual Goberno”, por dúas grandes vantaxes: o seu potencial para resolver os retos ambientais e porque proporciona oportunidades de negocio e crecemento económico.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es