CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta defende en Zamora a súa estratexia de economía circular como un modelo sustentable capaz de impulsar o crecemento económico e o emprego verde

Membros da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático asistiron a un encontro con técnicos da Administración castelá leonesa e Norte de Portugal co fin de analizar fórmulas para lograr a conversión dos residuos en recursos

Galicia ten dado pasos para a aplicación deste modelo como é a posta en marcha dunha estratexia pensada para resolver os grandes retos ambientais e avanzar en novos modelos baseados no ecodeseño

Ademais, Medio Ambiente vén de participar en Madrid nunha xuntanza de traballo na que se asentaron as bases do que será a folla de ruta que a nivel estatal impulsará o sistema circular fronte ao lineal de fabricar, usar e tirar
 

Zamora, 19 de maio de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente defende en Zamora a súa estratexia de economía circular como unha medida eficaz e sustentable capaz de impulsar o crecemento económico e a xeración de emprego verde. Así o puxeron de manifesto membros da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, que participaron nun encontro con expertos e membros da Administración castelá leonesa e do Norte de Portugal para analizar fórmulas que aceleren o cambio cara ao sistema económico circular fronte ao lineal de fabricar, usar e tirar.

Segundo explicaron os técnicos da Consellería, os últimos pasos dados polo Executivo galego nesta materia, permitiron o deseño dunha estratexia cuxo obxectivo fundamental é, por unha banda, a resolución dos grandes retos ambientais, tales como a conversión dos residuos en recursos, a eficiencia enerxética e redución das emisións de efecto invernadoiro e os usos sostibles do solo; e, por outra banda, abrir novas oportunidades de emprego e avanzar en modelos baseados no ecodeseño.

Asemade, destacaron que toda a estratexia está vertebrada en base ao criterio multierre, isto é, repensar, rediseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, etc, como un sistema que garante a recuperación de materiais, a extensión da vida útil dos produtos e creación de bens de larga duración mediante a xeración de materias primas secundarias e/ou subprodutos útiles e fomenta o consumo responsable.

Outro dos aspectos que trataron neste encontro celebrado na cidade de Zamora foi a capacidade do sistema económico circular para abrir novas oportunidades de negocio, pero tamén novas vías de financiamento europeo e apoio a iniciativas innovadoras. Neste senso, o equipo da Consellería de Medio Ambiente salientou a participación do Goberno galego nun grupo de traballo creado no marco da Rede de Autoridades Ambientais do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, que Galicia lidera xunto con Valencia e Cataluña. A finalidade deste equipo sobre Economía Circular é acordar as posibles vías de financiamento de proxectos ou a instrumentación da economía circular con fondos da Unión Europea e tamén revisará as propostas lexislativas sobre residuos, aumento da reciclaxe e redución de verteduras e mellora da xestión dos residuos.

Neste liña, a estratexia galega sobre economía circular prevé o apoio ás iniciativas de I+D+i e ao posicionamento, con especial atención ás Pemes. Tamén se estableceron contactos cos representantes do tecido empresarial galego para invitalo a formar parte deste proceso de cambio.

Galicia coopera na estratexia estatal

Todas estas accións se complementan, ademais, coa participación, en Madrid, dos membros da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático nunha xuntanza do grupo de traballo sobre Economía circular creado no seo da Comisión de coordinación sobre residuos, que é o máximo órgano de representación a nivel estatal en materia de residuos e no que Galicia toma parte como membro impulsor de iniciativas que contribúan ao desenvolvemento do modelo económico circular fronte ao lineal.

Precisamente, a experiencia e o coñecemento dos técnicos da Xunta de Galicia aglutinado nos últimos anos sobre a aplicación da economía circular serviu, durante ese encontro, como un punto de referencia para avanzar na creación da próxima estratexia estatal, na que Galicia tamén terá un papel protagonista.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es