CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Xunta e Arigal colaboran no estudo para a rexeneración ambiental e o aproveitamento das explotacións mineiras existentes

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, participou esta mañá na asemblea xeral da Asociación Galega de Áridos na que abordaron os retos do sector en canto á recuperación ambiental

Cruz Ferreira destacou a importancia da restauración mineira como un factor esencial para acadar un modelo produtivo máis sostible e respectuoso co entorno e cos valores paisaxísticos da Comunidade

Tamén lembrou que o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2022 prevé a reutilización deste tipo de materiais en obras de restauración

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2017.- A Xunta de Galicia e as entidades que conforman a Asociación Galega de Áridos (Arigal) están a colaborar nun estudo para a rexeneración ambiental e o aproveitamento dos espazos existentes destinados á explotación mineiras. A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático destacou esta mañá a importancia desta colaboración durante a celebración da asemblea xeral de Arigal, na que abordaron os retos do sector en materia de recuperación ambiental.

Deste xeito, a responsable do departamento autonómico salientou a restauración mineira como un factor “esencial” para lograr un sistema produtivo máis sostible e respectuoso co entorno, á par que representativa da responsabilidade social e empresarial do sector extractivo.

Precisamente, a recuperación ambiental dos espazos destinados á actividade extractiva céntrase no obxectivo de deixar os terreos traballados nun estado natural óptimo, que, en moitos casos, logra mellorar a situación anterior e xera as condicións necesarias para dar lugar a novos hábitats.

Ademais, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático lembrou que o Plan de xestión de residuos industriais de Galicia 2016-2020, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado mes de decembro e dotado con 18,9 millóns de euros, contén liñas estratéxicas e específicas sobre os residuos de construción e demolición. Así, o plan establece como un dos principais obxectivos a reutilización en obras de restauración de solos non contaminados escavados e outros materiais naturais escavados durante as actividades de construción. As previsións que reflicte o plan sitúan nun 85 por cento antes de decembro de 2018 o grao de aproveitamento destes materias e nun 90 por cento no horizonte de 2020. Paralelamente, a eliminación deste tipo de residuos en vertedoiro debe acadar un 15 por cento e un 10 por cento, respectivamente, nos mesmos horizontes temporais.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es