CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A campaña autonómica da reciclaxe atendeu de forma personalizada a máis de 34.500 persoas en toda Galicia

'Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor' 2016-2017 arrancou o pasado mes de agosto co obxectivo de promover unha xestión máis sostible dos residuos urbanos e incrementar as taxas de reciclado

Utiliza diversos soportes de apoio como un aula móbil, unha carpa informativa, e educadores ambientais que se desprazan a diario para instruír aos cidadáns nas boas prácticas ambientais

A campaña inaugurará o ano 2017 con forza, téndose planificado xa a execución de máis de 70 accións de concienciación social
 

Santiago, 2 de xaneiro de 2017.- Desde que se puxo en marcha, o pasado mes de agosto, e ata o 15 de decembro do ano en curso, a campaña autonómica 'Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor' 2016-2017 atendeu de forma personalizada a 34.566 persoas e fíxoo a través de 676 eventos, téndose desenvolvido 225 na provincia de Pontevedra, 92 na de Ourense, 220 na da Coruña e 139 na provincia de Lugo.

Liderada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a iniciativa, que conta coa colaboración de Ecoembes, Sogama e diversos Sistemas Integrados de Xestión de Residuos, pretende incrementar as taxas de reciclado na nosa Comunidade e propiciar unha xestión máis sostible dos residuos urbanos por parte dos cidadáns, instándoos a unha maior colaboración e participación.

Os tres erres

Con tal fin, e utilizando soportes de apoio tales como un aula móbil, unha carpa informativa e un stand, contémplanse actuacións a pé de rúa, nos propios concellos, así como en centros escolares, eventos deportivos, asociacións e centros comerciais, entre outros escenarios.

O obxectivo é instruír, formar e concienciar á poboación en torno á necesidade de poñer en práctica cada día a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), proporcionando as pautas para consumir de forma responsable e producir menos lixo; para aproveitar ao máximo os produtos e alongar a súa vida útil; e para seleccionalos por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, depositándoos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama recupera enerxeticamente no seu complexo medioambiental a través da súa conversión en electricidade, evitando así o seu depósito en vertedoiro, a opción menos desexable dado o seu negativo impacto ambiental.

A compostaxe

Tamén se abordan as vantaxes que ofrece a compostaxe doméstica, tanto a nivel medioambiental como económico e social, para as vivendas unifamiliares que contan con horta ou xardín no que aplicar o abono natural resultante, sendo este un magnífico substituto dos fertilizantes artificiais polo seu alto poder nutritivo e restaurador para o solo. A día de hoxe, máis de 200 entidades (134 concellos, ademais de 63 centros escolares e 11 colectivos sociais) atópanse adscritas ao programa da autocompostaxe de Sogama, téndolles proporcionado a entidade pública os composteiros a repartir entre os fogares participantes, así como o material didáctico e divulgativo de apoio e un curso de formación presencial destinado aos usuarios finais. Máis información en www.compostaconsogama.gal.

Consulta directa cos educadores


En todos os casos, os cidadáns teñen a opción de consultar aos monitores todas as dúbidas que desexen, así como de trasladar os seus comentarios e observacións sobre o sistema de recollida selectiva implantado en Galicia, sendo obsequiados con diverso material divulgativo e de merchadising. Así mesmo, os que o desexen poden participar, de forma voluntaria e anónima, en enquisas de satisfacción a través das cales dan a coñecer as súas percepcións e opinións respecto da xestión dos residuos urbanos en xeral e o seu nivel de implicación persoal.

Todos os pormenores da campaña atópanse accesibles a través de www.oportunidadesparareciclar.gal, sitio web a través do cal o internauta poderá coñecer as súas particularidades, alcance, obxectivos e actuacións contempladas no marco da mesma, sen esquecer o calendario de eventos.

A campaña comezará o ano 2017 con forza, téndose planificado xa a execución de máis de 70 accións en concellos, asociacións, colexios e centros comerciais
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es