CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente estuda asumir as ordes de execución por motivos estéticos nos concello de menos de 5.000 habitantes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio avanza que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística está a estudar a fórmula legal para asumir esta nova competencia

Beatriz Mato reitera que outro dos obxectivos é incrementar o número de concellos adheridos á Axencia, que na actualidade se eleva a 66

Indica que Galicia conta na actualidade con ferramentas destinadas a garantir un territorio ordenado e sostible, en definitiva, poñer en valor o patrimonio natural e cultural e a riqueza paisaxística desta comunidade

  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística está a analizar o encaixe legal e normativo para asumir esta nova competencia

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2017.- A Xunta de Galicia plantéxase asumir as ordes de execución por motivos estéticos nos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, avanzou que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística está a analizar o encaixe legal e normativo para asumir esta nova competencia, que na actualidade recae na administración local.

Recordou que a Lei do Solo establece -no seu artigo 136- que os concellos ditarán ordes de execución que obriguen aos propietarios de bens inmobles a mantelas en condicións de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles; e obriga a que as construcións deberán presentar todos os seus paramentos exteriores e cubertas totalmente terminados (artigo 91).

“Despois de que os concellos nos trasladaran que non teñen capacidade para asumir esta competencia”, salientou Mato Otero, a APLU estuda a posibilidade de asumir ditas ordes nos concellos cun censo poboacional por debaixo dos 5.000 habitantes.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que esta nova competencia é acorde co obxectivo da Xunta de incrementar a colaboración cos concellos adheridos, que están satisfeitos coa actividade e colaboración da Axencia, pero que cada vez demandan máis participación da Administración autonómica na súa actividade diaria.

Outro dos retos do seu departamento é lograr a adhesión de novos concellos, xa que a colaboración entre a Axencia e os concellos que se adhiren vai máis alá da delegación das facultades de inspección e disciplina urbanística, xa que reciben asistencia e apoio técnico e xurídico da Axencia.

Beatriz Mato lembrou que na actualidade son 66 concellos galegos adheridos, que suman unha superficie de 5.269 kilómetros cadrados, isto supón un 17% da superficie total de Galicia; ou que é o mesmo, benefician a 344.827 habitantes, un 12,6% da poboación total de Galicia.

Cada vez hai unha maior demanda por coñecer o criterio da APLU e dos case 80 profesionais que nela traballa. Lembrou que só no ano 2016 resolveron case 450 expedientes e corroboraron case 800 reposicións da legalidade urbanística, é dicir, recuperáronse case 800 paisaxes degradadas. Nese sentido, reiterou que as portas da Axencia están sempre abertas para os concellos e os seus técnicos municipais para ofrecerlles o asesoramento que precisen.

A conselleira destacou que os números avalan a actividade da APLU, pero sobre todo o papel decisivo que está a desempeñar na concienciación social, contribuíndo á implantación dunha cultura de respecto polo territorio. Manifestou que Galicia conta na actualidade con ferramentas destinadas a garantir un territorio ordenado e sostible, en definitiva, poñer en valor o patrimonio natural e cultural e a riqueza paisaxística de Galicia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es