CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta avanza cara á aprobación do decreto que creará a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia

Subliña que este proxecto pretende fomentar a creación de novos vínculos entre as Reservas da Biosfera, propiciando a colaboración entre todas as reservas integrantes da Rede

Indica que esta iniciativa forma parte dun paquete de medidas máis amplo a través do cal o Goberno galego dá cumprimento a unha das súas principais obrigas, a de garantir a protección do noso patrimonio natural
 

  • Alfonso Rueda na rolda de prensa de Consello
  • Alfonso Rueda na rolda de prensa de Consello

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello a aprobación para o envío ao Consultivo do decreto que creará a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia.

Así, este proxecto pretende fomentar a creación de novos vínculos entre as Reservas da Biosfera declaradas en Galicia e o reforzo das xa existentes, propiciando a colaboración entre todas as reservas integrantes da Rede e fomentando a súa colaboración na realización de proxectos comúns.

Durante a súa intervención precisou que Galicia conta na actualidade con seis espazos declarados pola Unesco como reservas da biosfera; Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá; o Río Eo, Oscos e Terras de Burón; a Transforinteiriza Gêres-Xurés; e as Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. “Un total de case 80.000 hectáreas que agora nos propoñemos aunar nunha Rede que permita mellorar a cooperación entre elas”, abundou.

Do mesmo xeito, lembrou que esta iniciativa forma parte dun paquete de medidas máis amplo a través do cal o Goberno galego dá cumprimento a unha das súas principais obrigas, a de garantir a protección do noso patrimonio natural e riqueza biolóxica. Entre as que se atopan, destacou, a tramitación da nova Lei de patrimonio natural, o impulso ao Observatorio dos Ríos e diversas iniciativas encamiñadas a conservar a flora e a fauna autóctona.

O vicepresidente da Xunta concluíu salientado que con esta iniciativa tamén cumprimos cos contidos establecidos no Marco Estatutario de Rede Mundial de Reservas da Biosfera e indicou que previsiblemente contaremos con ela este mesmo ano.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es