CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente licita os traballos de redacción da Estratexia galega fronte ao cambio climático 2050 e de cálculo da pegada ecolóxica de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe estes dous contratos, que están cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, que suman un importe de máis de 290.000 euros

Santiago, 16 de xuño de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia dous contratos para avanzar no coñecemento sobre o cambio climático en Galicia. Así, licítanse os traballos de elaboración da Estratexia galega fronte ao cambio climático 2050 (http://bit.ly/2ttMQP9), por un importe de 217.800 euros, e o contrato para o cálculo da pegada ecolóxica na Comunidade (http://bit.ly/2sG2VnR), por un importe de 72.600 euros.

Galicia quere situarse á vangarda do coñecemento sobre o cambio climático e na implantación dun modelo económico sostible e baixo en emisións á atmosfera. O reto que supón o quecemento global esixe a necesidade de elaborar e implantar unha estratexia galega fronte ao cambio climático que permitirá contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global desde unha perspectiva rexional.

Ambos contratos están cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

Coa redacción da estratexia, a Xunta quere acadar un instrumento planificador nesta materia, de xeito que o seu contido estableza grandes liñas de acción a seguir na loita fronte ao cambio climático de cara a un horizonte temporal 2050.

Entre os traballos e análises que se levarán a cabo destacan os relacionados cos modelos produtivos sustentables e mellor uso dos recursos (preparación de políticas públicas para o fomento do enfoque de economía circular nas estratexias de negocio, innovación e tecnoloxías limpas, e do consumo responsable), Calidade e saúde ambiental (centrándose na calidade do aire, acontaminación acústica e dos solos); a calidade dos recursos hídricos (a súa protección, saneamento e abastecemento); a biodiversidade e patrimonio natural (protección da diversidade biolóxica e paisaxística, bioeconomía, espazos protexidos Rede Natura, entre outros); a xestión de residuos; a loita contra o cambio climático e transición a unha economía baixa en carbono: emisións GEI, economía hipocarbónica, sumidoiros de carbono, enerxía eficiente e limpa, mobilidade sustentable.

As propostas que se presenten terán en conta contidos que desenvolvan en particular tres estratexias específicas en materia de: redución do uso de plásticos en Galicia, implantación de Boas Prácticas Sustentables na Administración Pública de Galicia e Contratación pública sustentable.

Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente considera oportuno proceder á contratación do cálculo da pegada ecolóxica en Galicia dada a importancia desta pegada de cara a adaptación ao cambio climático en Galicia.

A pegada ecolóxica é un indicador adecuado para medir o impacto do cambio climático nos ecosistemas galegos, para avaliar a eficacia das medidas de adaptación ao cambio climático en Galicia e para elaborar modelos de simulación de escenarios de evolución do impacto do cambio climático en Galicia en función do grao de implantación das medidas propostas.

Este proxecto axudará a avanzar no obxectivo de situar a Galicia no horizonte do 2050 na vangarda

Esta información é un paso máis para poñer en marcha a Estratexia galega de Cambio Climático e Enerxía, que permitirá que á Comunidade galega a contribuír, de forma coordinada, realista e eficiente, a combater as causas que alimentan este cambio mediante a elaboración dun mapa de coñecemento sobre o fenómeno.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es