CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente emite informe urbanístico e ambiental sobre o estudo de medidas de ordenación provisional de Vigo para avanzar na súa tramitación

As direccións xerais de Calidade Ambiental e Cambio Climático e de Ordenación do Territorio e Urbanismo remiten á Administración local os informes ambiental e urbanístico sobre o Estudo de medidas de ordenación provisional

Sinálase que os ámbitos incluídos na proposta presentada deberán someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificado, agás o ámbito Fenosa-Balaídos que deberá seguir o procedemento ordinario por estar nunha zona de fluxo preferente do río Lagares

No escrito indícase que os ámbitos suxeitos a desenvolvemento urbanístico, propostos polo concello debido ao seu interese xeral polo seu carácter dotacional, son acordes coa Lei de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, agás o ámbito A-5-71 Metalúrxica
 

Santiago, 16 de xuño de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emite o informe urbanístico e ambiental sobre o estudo de medidas de ordenación provisional en Vigo, no que se sinalan os ámbitos que deberán someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificado.

Así se concreta nun informe emitido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en base a unha solicitude presentada polo Concello de Vigo sobre o Estudo da situación derivada da anulación do Plan Xeral de ordenación municipal de Vigo pola Sentenza do Tribunal Supremo.

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro de Medias fiscais, administrativas e de ordenación (LMAFO) establece, no seu artigo 88, que con carácter previo á adopción dun instrumento de ordenación provisional se realizará un estudo específico da situación derivada da anulación do instrumento de ordenación para o ámbito que se pretenda ordenar a través de dito instrumento provisional, o cal será sometido a informe urbanístico-ambiental vinculante.

O estudo presentado identifica aqueles ámbitos de solo urbano consolidado e suxeito a desenvolvemento urbanístico contemplados no PXOM de 2008 que, polas súas características ou singulares circunstancias, son os máis idóneos ou respecto dos calesexiste un especial interese xeral, para establecer as medidas provisionais de ordenación urbanística previstas na Lei 2/2007.

Respecto do informe ambiental, tal e como recolle o artigo 6.2.c) da Lei 21/2013, procede someter as medidas de ordenación provisional do Concello de Vigo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificado; agás no ámbito A-3-23 Fenosa-Balaídos -no que se contempla a implantación de usos residenciais-, que deber ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, por estar afectado pola zona de fluxo preferente do río Lagares, razón pola cal o informe conclúe que debe excluirse da ordenación provisional proposta.

Cómpre lembrar que o Plan Hidrolóxico Galicia-Costa vixente determina que, con carácter xeral, neste tipo de zonas non se poden autorizar as construcións destinadas a vivendas ou edificacións nas que habitualmente haxa presenza de persoas.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo -no seu informe urbanístico- pronúnciase sobre a coincidencia da ordenación provisional coa prevista para ese ámbito no instrumento de ordenación anulado e, de ser o caso, nos seus instrumentos de desenvolvemento, así como sobre á adecuación das medidas de ordenación provisional adaptadas ao prevista na lei (LMAFO).

Así, no que respecta ao Solo Urbano Consolidado, xustifícase a proposta de ordenación provisional á maior parte do solo urbano consolidado (SUC) do PXOM de 2008.

Para os ámbitos de desenvolvemento a recuperar, A-3-37 Tomás Paredes 1 e A-3-10 Esturáns, o Concello xustifica a concorrencia de interese xeral en atención ao seu grao de desenvolvemento, aportando os acordos de aprobación definitiva do instrumento de equidistribución correspondente. Tamén solicita a inclusión na Ordenación Provisional do ámbito A-5-71 Metalúrxica, pero neste caso non conta coa aprobación definitiva de instrumento de equidistribución de acordo ao instrumento anulado (PXOM 2008), polo que non cumpre os requisitos legalmente establecidos para a inclusión solicitada, debendo ser excluído da proposta.

Asemade, o Concello xustifica a recuperación dos seguintes ámbitos debido ao seu interese xeral polo seu carácter dotacional ou equipamento público ou privado, como son o Porto de Vigo, o Porto de Canido, o aeroporto e a subestación eléctrica de Balaídos e a APR “AOD A-3-23-FENOSA- BALAIDOS”, dacordo co previsto na Lei de medidas fiscais.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es