CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente e Sogama apostan por sete bos propósitos para seguir impulsando o desenvolvemento sustentable no 2017

Promover a compostaxe, sacar partido ás sobras das comidas ou reciclar son algúns dos consellos que se poden aplicar no día a día do novo ano

Santiago, 30 de decembro de 2016.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) propoñen un total de sete bos propósitos para seguir impulsando o desenvolvemento sustentable no 2017.

O documento, que se pode consultar na web www.sogama.es, dá continuidade ao decálogo que se publicou hai unhas semanas para promover un Nadal sustentable.

Así, o primeiro dos sete consellos é consumir de xeito responsable, tendo en conta a durabilidade dos produtos e a data de consumo preferente. O segundo punto pasa tamén por actuar responsablemente: poñer en práctica cada día os tres erres (reducir, reutilizar e reciclar).

Sacar partido ás sobras de comida é outra idea que supón un aforro e permite, ao tempo, evitar o desperdicio de alimentos. Sogama ofrece 40 ideas para facelo no libro de receitas “Para repañar o prato!”, que está tamén dispoñible na súa páxina web.

O cuarto propósito para 2017 aposta por separar mellor, e depositar cada residuo no seu contedor para facilitar a súa reciclaxe. E, para aqueles que viven nunha vivenda con horta ou xardín, a compostaxe doméstica constitúe tamén unha moi boa opción para reciclar. Na páxina web está dispoñible toda a información necesaria para desenvolver estes dous obxectivos.

O sexto consello é para os máis novos da casa: Sogama dispón de xogos adaptados a cada tramo de idade e nivel educativo para que todos aprendamos a xestionar os residuos de forma responsable.

E, xa por último, o sétimo propósito é botarlle imaxinación: coidar do medio é un compromiso de todos, e todas as ideas contan. Poden compartirse a través da páxina do facebook de Sogama.
 

7 BOS PROPÓSITOS MEDIOAMBIENTAIS PARA 2017

1. Consome de xeito responsable

Para non caer nas compras compulsivas e irracionais, resulta imprescindible elaborar unha lista do que realmente se precisa. Dá prioridade aos produtos de calidade e duradeiros, compra cantidades axeitadas e diferenza claramente data de caducidade (día límite a partir do cal o alimento non é apropiado para o consumo) e consumo preferente (tempo no que o produto aínda mantén intactas as súas propiedades).

2. Reduce, Reutiliza e Recicla

Pon en práctica cada día os tres erres: consome de forma responsable, evita os envases e envoltorios innecesarios, leva a túa propia bolsa ao supermercado, prioriza as compras a granel, dá preferencia aos produtos comercializados en recipientes reenchibles e propicia a reciclaxe separando os residuos por tipoloxías e depositándoos nos contedores correspondentes.

3. Saca partido ás sobras de comidas


Pon freo ao desperdicio de alimentos. En www.sogama.es tes á túa disposición un libro de receitas de cociña “Para repañar o prato!” no que atoparás máis de 40 apetitosos e suxerentes pratos realizados con sobras de comidas, así como unha gran variedade de consellos e trucos de cociña para conservar os alimentos.

4. Cada residuo ao seu contedor

Latas, briks e envases de plástico, no contedor amarelo; envases de cartón e papel, no azul; envases de vidro, no iglú verde; pilas, no recipiente específico, a disposición en establecementos comerciais, colexios, casas consistoriais, etc; fracción resto, no contedor verde xenérico; residuos de carácter especial que non poden ser depositados nos contedores da rúa (mobles, colchóns, neveras, aceites, fluorescentes, etc), nos puntos limpos. Se necesitas axuda entra en www.oportunidadesparareciclar.gal.

5. Composta na casa

Se resides nunha vivenda unifamiliar que conte con horta ou xardín, a compostaxe doméstica constitúe unha magnífica opción para reciclar a materia orgánica en orixe e convertela nun abono natural de alta calidade, evitando o seu depósito nos contedores xenéricos. En www.compostaconsogama.gal ensínanche como facelo.

6. Aprende xogando

A través do xogo podes aprender a xestionar os teus residuos dunha forma sostible. Sogama pon á túa disposición distintos xogos adaptados a cada tramo de idade e nivel educativo http://www.sogama.es/gl/info/xogos-escolares. Se prefires os videocontos, pincha en www.cadernoverde.com.

7.- Bótalle imaxinación

Ti pos o sétimo propósito. Seguro que se che ocorren magníficas ideas. Compárteas en https://www.facebook.com/educacionambientalsogama

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es