CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente licita por case 100.000 euros os traballos para a redacción da Estratexia galega de sustentabilidade 2017-2025

O contrato que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia, que está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, establece un prazo de 10 meses para a súa redacción

Será o instrumento de planificación de base para a loita contra os desafíos ambientais globais e a protección dos recursos naturais
 

Santiago, 3 de agosto de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe a través do Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/2fbpewx) os traballos de redacción da Estratexia galega de sustentabilidade 2017-2025, un instrumento de planificación que servirá de base na loita contra os desafíos ambientais globais e a protección dos recursos naturais.

Este contrato, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, alcanza un importe total de 96.800 euros e establece un prazo máximo de execución de 10 meses.

Entre os traballos e análises a realizar, destacan os relacionados cos modelos produtivos sustentables e mellor uso dos recursos, a calidade e saúde ambiental (centrándose na calidade do aire, a contaminación acústica e dos solos), a calidade dos recursos hídricos (a súa protección, saneamento e abastecemento), a biodiversidade e o patrimonio natural, a xestión de residuos, a ordenación do territorio, e a loita contra o cambio climático e transición a unha economía baixa en carbono.

Ademais do documento global de Estratexia, a adxudicataria deberá presentar estratexias sectoriais específicas para a redución do uso de plásticos en Galicia, a implantación de boas prácticas sustentables na Administración Pública de Galicia e a contratación pública sustentable.

Os traballos e tarefas que se desenvolverán nos próximos meses entre o ano 2017 e 2018 dividiranse tres fases: análise previa da situación ambiental actual de Galicia e establecemento da metodoloxía; a identificación inicial das liñas estratéxicas, obxectivos e medidas específicas; e a elaboración dos documentos finais das estratexias.

En consonancia con outras iniciativas impulsadas pola Consellería de Medio Ambiente, como a Estratexia galega fronte ao cambio climático 2050 ou o cálculo da pegada ecolóxica, este instrumento de planificación permitirá á Comunidade galega converter os desafíos ambientais existentes en espazos de mellora e evolución para transformarse nunha rexión mellor adaptada aos cambios que se aveciñan, creando unha economía eficiente e sustentable no uso dos recursos e baixa en emisións de carbono.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es