CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente inicia o trámite de participación pública do Plan de conservación do Monumento Natural do Souto da Retorta no concello de Viveiro

Trátase dun paso inicial da tramitación desta ferramenta de conservación, que tamén incluirá un proceso de información pública como seguinte trámite

O Souto da Retorta, tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín, é un predio situado a carón do río Landro, no que se sitúa un rodal de eucaliptos de gran singularidade pola lonxevidade e extraordinarias dimensión das súas árbores

No ano 2016 xa se realizaron actuacións para o mantemento deste espazo natural protexido por importe de 40.000 euros

O Souto da Retorta atópase a menos de 50 quilómetros de catro espazos imán: a Praia das Catedrais, as Fragas do Eume e as Reservas da Biosfera de Terras do Miño e a do Eo, Oscos e Terras de Burón
 

Santiago, 4 de agosto de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe (http://bit.ly/2wcWAiC ) a resolución pola que se inicia o trámite de participación pública para a elaboración do Plan de Conservación do Monumento Natural do Souto da Retorta, no Concello de Viveiro. Para acceder á resolución pódese consultar o Diario Oficial de Galicia (enlace).

O Souto da Retorta, tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín, é un predio situado a carón do río Landro, pertencente a parroquia de Chavín, no que se sitúa un rodal de eucaliptos (Eucalyptus globulus) de gran singularidade pola lonxevidade e extraordinarias dimensión das súas árbores. Varios exemplares dos eucaliptos de Chavín superan os 100 anos e constitúen auténticos monumentos vexetais, chegando a acadar as maiores dimensións desta especie en Europa, de feito, o exemplar coñecido como “O Avó” acada un perímetro de 7,55 m e unha altura de 61,78 m.

Derivado dos seus valores naturais, este espazo foi declarado monumento natural mediante o Decreto 77/2000, do 25 de febreiro. Tamén o Souto da Retorta e o eucalipto “O Avó” aparecen recollidos no Decreto 67/2007, do 22 de xaneiro, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, como formación senlleira e árbore senlleira, respectivamente. Ademais, parte do espazo está incluído parcialmente na Zona de Especial Conservación “Río Landro”.

Así, o avance dado hoxe é un paso inicial da tramitación, na que se fai unha breve descrición da zona de actuación, así como das súas principais presións e ameazas, que serán a base para que o público en xeral poida presentar as súas alegacións e consideracións.

Con posterioridade, en base ás alegacións e á información obtida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, elaborarase un borrador de plan de conservación con todos os apartados establecidos pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, que será sometido a un novo procedemento de información pública, audiencia aos interesados e consulta ás Administracións afectadas.

Durante o procedemento de tramitación do Plan de Conservación establécese un réxime de protección específica para o espazo, de xeito que, ademais de serlle de aplicación o previsto no Decreto da súa creación e no Plan Director da Rede Natura 2000 (na parte do monumento que forma parte da ZEC “Río Landro”), estarase ao previsto no artigo 21 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza.

A Xunta executou no ano 2016 traballos para o mantemento das 3,18 hectáreas do seu entorno natural, nos que se destinaron 40.000 euros. Os traballos consistiron en diversas actuacións coma o saneamento da masa arbórea, a eliminación de plantas exóticas invasoras, e a reforestación con frondosas caducifolias e tamén se procedeu á reparación do canal da auga e do sendeiro, á adecuación das infraestruturas e a mellora da sinalización.

Ademais, todos estes traballos completáronse coa protección de O Avó, un eucalipto senlleiro que acada unha altura de 61,8 metros e un perímetro de 7,6 metros. Ademais unha das accións máis importantes que se realizou foi a poda das ramas na marxe do carreiro que percorre a zona (exclusivamente as pólas secas e mortas), unha poda para o que foi necesario establecer todas as medidas preventivas sanitarias en canto á protección dos cortes e a desinfección das ferramentas. Para o saneamento da masa tamén se retiraron preto de 80 pés de eucaliptos afectados, así como a recollida e o amoreado de residuos xerados pola madeira morta distribuída sobre o chan.

Por outra banda, e para acadar unha completa recuperación do Souto da Retorta e compatibilizar o seu uso público coa súa recuperación, efectuouse unha serie de reparacións no canal da auga, na fonte, nos buratos e nas vallas do sendeiro. Arranxouse o muro derrubado nas dúas marxes do canal de derivación de auga, o sendeiro quedou totalmente uniforme grazas ao tapado con pedras e terras propias da zona nos terreos nos que foi preciso e dispúxose máis tramos de valla para substituír as que presentaban peores condicións.

O Souto da Retorta, é un espazo emblemático moi próximo a outros espazos declarados imán como son: a Praia das Catedrais, o Parque Natural das Fragas do Eume e as Reservas da Biosfera de Terras do Miño e a do Eo, Oscos e Terras de Burón. O monumento natural atópase a menos de 50 quilómetros destes espazos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es