CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Depresión Illada en Niveis Altos deixou en Galicia chuvias torrenciais e máis de 12.000 raios nos últimos días de agosto

O fenómeno meteorolóxico denominado Depresión Illada en Niveis Altos ocasionou precipitacións localmente fortes, que alcanzaron os 150 L/m3 en localidades da comarca de Ourense, entre os días 26 e 28, e 19,3 en Santiago, dos cales 16,3 se rexistraron nunha hora durante a xornada do 28

Estas chuvias viñeron en moitos casos acompañadas de aparato eléctrico, como amosan os 12.564 raios contabilizados, sendo a xornada do 27 a cuarta co valor máis alto desde que se teñen rexistros

En canto ás temperaturas, cómpre sinalar que agosto foi un mes lixeiramente cálido marcado por fortes oscilacións, que foron desde os 41 graos rexistrados en Tui o día 20 e os -1,6 detectados en Calvos de Randín na madrugada do 10
 

Santiago, 12 de setembro de 2017.- O fenómeno meteorolóxico denominado Depresión Illada en Niveis Altos (DANA) deixou en Galicia chuvias torrenciais que en moitos casos viñeron acompañadas de aparto eléctrico, como amosan os 12.564 raios contabilizados na Comunidade entre os días 26 e 28 do pasado mes de agosto. Tal e como se reflicte no informe climatolóxico mensual que vén de publicar Meteogalicia na súa páxina web, as precipitacións rexistradas neses días foron localmente fortes e estiveron, en moitas ocasións, acompañadas de treboadas e mesmo de saraiba e pedrazo.

Así, este informe sinala que, nas últimas xornadas do mes pasado, as chuvias foron intensas con valores que alcanzaron os 150 litros por metro cadrado en puntos localizados da comarca de Ourense entre os días 26 e 28 e 19,3 en Santiago, dos cales 16,3 rexistráronse nunha hora durante a xornada do 28. En definitiva, valores suficientes para determinar o mes de agosto como un período húmido, de non ser polos baixos índices de precipitacións rexistrados noutros puntos da Comunidade, que deron como resultado un mes lixeiramente seco.

Estas precipitacións foron de carácter tormentoso como sinalan os máis de 12.000 raios contabilizados nese período, dos cales 8.086 producíronse na xornada do día 27, converténdose, así, no cuarto día co valor máis alto desde que se teñen rexistros. No informe destácase, ademais, que as treboadas viñeron acompañadas ocasionalmente por saraiba e pedrazo, co que se acentuou aínda máis a inestabilidade atmosférica predominante nos últimos días do mes de agosto.

Todos eles fenómenos meteorolóxicos que xurdiron como consecuencia da denominada Depresión Illada en Niveis Altos (DANA) producida pola entrada en contacto dunha zona de aire frío en altura co aire cálido en superficie remanente das xornadas anteriores. Esta situación tivo a súa orixe o día 25 ao desprazarse cara ao oeste da Península Ibérica un conxunto de baixas presións que arrastrou consigo unha zona de aire frío en altura.

Un mes variable en canto ás temperaturas

No que respecta ás temperaturas rexistradas en agosto, cómpre sinalar que foi un mes moi variable con fortes oscilacións, que puxeron en contraste valores superiores aos 40 graos rexistrados, por exemplo, en Tui durante o día 20 e os -1,6 de Calvos de Randín o día 10. Segundo se explica no informe que vén de publicar Meteogalicia, esta situación de baixas temperaturas en puntos do interior de Galicia foi ocasionada pola combinación do aire frío remanente de días anteriores e madrugadas de ceo despexado.

Así e todo, cómpre sinalar que o período máis cálido do mes foi o rexistrado entre os días 19 e 22 con termómetros que marcaron valores superiores aos 40 en moitos lugares. Ademais dos 40,9 de Tui, a localidade ourensá de Leiro rexistrou a máxima con 42.

En resumo, o mes de agosto foi en xeral un mes lixeiramente cálido e seco con precipitacións de carácter tormentoso, especialmente nas últimas xornadas.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es