CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta presenta unha oferta de 18 experiencias de turismo sustentable para coñecer o patrimonio natural dos seis parques

A directora xeral de Patrimonio Natural e directora de Turismo de Galicia deron a coñecer hoxe os paquetes de turismo, que inclúe tres rutas por cada parque natural da Comunidade

Tamén se habilitou unha páxina web na que estará accesible a información relativa a cada paquete turístico e tamén sobre os valores de cada un dos parques, mapas...

Avanzan que a seguinte fase será a presentación destas experiencias turísticas para os espazos imán identificados no Plan de promoción e posta en valor dos espazos naturais de Galicia

Indican que o interese por coñecer o patrimonio dos parques naturais de Galicia medra de ano en ano, tal e como demostra o número de visitantes rexistrados no que vai de ano, que xa ten superado os 236.000 visitantes do 2015
 

  • A directora xeral de Patrimonio Natural e directora de Turismo de Galicia deron a coñecer hoxe os paquetes de turismo, que inclúe tres rutas por cada parque natural da Comunidade
  • A directora xeral de Patrimonio Natural e directora de Turismo de Galicia deron a coñecer hoxe os paquetes de turismo, que inclúe tres rutas por cada parque natural da Comunidade
  • A directora xeral de Patrimonio Natural e directora de Turismo de Galicia deron a coñecer hoxe os paquetes de turismo, que inclúe tres rutas por cada parque natural da Comunidade

Pontedeume (A Coruña), 10 de outubro de 2017.- A Xunta de Galicia presentou esta mañá unha nova oferta de turismo sustentable con 18 rutas para coñecer o patrimonio natural que atesouran os parques naturais de Galicia. A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron esta iniciativa na que colaboran ambos departamentos e que da continuidade á iniciativa piloto posta en marcha no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés.

A directora xeral indicou que os paquetes son extensos e variados e propoñen facer rutas fotográficas ou ornitolóxicas, combinar o deporte e o turismo facendo sendeirismo, ciclismo, equitación ou ben saídas en barco, kaiak, paddle surf ou paddleboard; e tamén visitar covas, aldeas, adegas... Son tres experiencias por parque que teñen por obxectivo lanzar un produto turístico sustentable que poida atraer visitantes e promover o tecido empresarial da zona

O obxectivo desta colaboración é o desenvolvemento conxunto de actividades de fomento do uso público e turístico dos seis parques naturais, por iso se fixo unha publicación específica na que se da conta dos valores da zona, mapas e demais información útil; así como información sobre os paquetes turísticos. Esta publicación estará dispoñible na paxina web www.turismo.gal.

A colaboración entre Medio Ambiente e Turismo de Galicia, que conta cun orzamento de 60.000 euros, tamén inclúe a presenza activa dos parques naturais de Galicia en campañas de promoción e difusión do turismo, feiras e exposicións; por esa razón os folletos editaranse tamén en castelán e inglés.

Ana María Díaz recordou que a Xunta puxo en marcha o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que foi o primeiro plan deste tipo na historia da nosa autonomía, dotado con un rozamento próximo aos 4 millóns de euros para o seu desenvolvemento entre os anos 2017 e 2020.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia salientou que a natureza é hoxe a principal motivación pola que os turistas visitan Galicia. “No noso interese por ofrecerlles o mellor de nós mesmos e coidar da nosa contorna verde, creamos estas experiencias que brindan máis motivos para visitarnos e dun xeito máis enriquecedor”, declarou.

Nava Castro subliñou o compromiso da Xunta de Galicia cun turismo de calidade e tranquilo que aposta polos mellores recursos endóxenos. “Así o poñemos de manifesto na nosa Estratexia do turismo de Galicia 2020, cun orzamento de 240 millóns de euros, dos que o a paisaxe, os recursos naturais e a sustentabilidade reciben o 37% do total”, sinalou.

“Coidamos da nosa contorna natural, contribuímos ao desenvolvemento económico do rural galego e facemos de Galicia un destino cunha oferta especializada para desestacionalizar a nosa demanda”, detallou Nava Castro, quen ve nestas experiencias para todos os públicos alternativas perfectas para levar a cabo durante o curso escolar, realizar escapadas familiares ou gozar da natureza dun xeito activo, con respecto ao medio ambiente e a súa capacidade de carga.

Os espazos imán, o seguinte paso

A directora xeral de Patrimonio Natural explicou que estes paquetes turísticos se estenderán aos espazos imán recollidos no Plan de promoción, xa que son os lugares naturais máis recoñecidos por galegos e turistas.

A Xunta identificou un total de 17 espazos e limitou a súa área de influencia, nun radio de 30 e 50 quilómetros, de xeito que se cubre practicamente a totalidade de Galicia.

Defendeu que se trata de crear lazos entre as iconas naturais de Galicia e ofrecer un servizo máis eficaz aos miles de galegos e visitantes que se deciden a acudir a un destes espazos.

Interese polo patrimonio natural

Ana María Díaz explicou que cada vez máis persoas escollen Galicia como destino turístico, tal e como demostran as cifras de visitantes á Comunidade en xeral, e as parque naturais, en particular.

O número de visitantes aos seis parques naturais de Galicia creceu, respecto ao ano 2015, en máis de 78.000, o que supuxo un incremento porcentual do 33%, e só no que vai de ano, os parques recibiron preto de 250.000 visitantes, polo que xa se supera o número de visitantes de 2015, cando se contabilizaron 236.000 persoas.

Argumentou que o interese dos visitantes medra ano a ano, grazas á posta en marcha dos recursos e servizos necesarios para visitalos, á elaboración e desenvolvemento dunha completa programación de actividades, e, por suposto, grazas ao esforzo de promoción.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es