CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A campaña 'O que se enchufa, recíclase' chega a Fene para promover a reciclaxe de aparellos eléctricos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio busca lograr a complicidade dos cidadáns na boa xestión deste tipo de residuos

Santiago, 13 de novembro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de poñer en marcha a campaña 'O que se enchufa, recíclase', co fin de implicar á sociedade na reciclaxe de aparellos eléctricos e electrónicos. Esta iniciativa recalará en Fene, na praza Ameneiral, durante a xornada do xoves 16 de novembro.

Con esta iniciativa preténdese concienciar á poboación da necesidade de reciclar este material e informar sobre os puntos de recollida existentes. Durante a vixencia da campaña instalaranse contedores repartidos por establecementos adheridos á campaña para que os veciños poidan depositar os aparellos que xa non queren.

Os cidadáns poden consultar os puntos de reciclaxe máis próximos aos seus domicilios na web www.oqueseenchufareciclase.gal; a información tamén está nas redes sociais, a través de facebook.com/RAEEGALICIA e twitter.com/RAEE_GAL.

A Consellería de Medio Ambiente aposta por este tipo de iniciativas para acadar unha boa xestión deste tipo de residuos, xa que a reciclaxe de aparellos eléctricos ou electrónicos está menos consolidada que a doutros materiais, como papel, plásticos ou vidro, polo que os cidadáns deben saber que pode ser igualmente doada porque quizais teñen un punto de recollida preto.

A Xunta destina 700.000 euros a esta iniciativa, que se desenvolverá durante 9 meses en 138 concellos galegos de máis de 4.000 habitantes, e pretende involucrar tanto aos consumidores como aos distribuidores e vendedores nunha boa xestión deste tipo de residuos.

No 2016, en Galicia, recolléronse máis de 14.000 toneladas de residuos de aparellos eléctricos ou electrónicos, o que implica unha media de 5 quilos por persoa. O incremento é notable con respecto ao 2105, no que as toneladas recollidas foron 10.600.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es