CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente inicia hoxe os traballos de limpeza de 12 puntos de vertido incontrolado no concello de Baños de Molgas

É unha actuación para a correcta xestión de residuos sólidos urbanos, que implica un investimento de máis de 50.000 euros

O depósito inventariado localizouse nos lugares de Quintas, Pereiro, Outeiro, Corgas, A lampaza, Portela, martelo, Camiño do Viso, Amedo, Insua e O Penedo

Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras iniciativas como a potenciación do servizo de recollida nos puntos limpos
 

Santiago, 13 de novembro de 2017-. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia hoxe os traballos para o selado de 12 puntos de vertido incontrolado no Concello de Baños de Molgas. Trátase dunha actuación medio ambiental incluída nunha campaña do Goberno galego para erradicar máis de 65 puntos inventariados que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses do actual ano e nos que investirá 400.000 euros.

Os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona no entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético.

Os residuos foron localizados nos lugares de Quintas, Pereiro, Outeiro, Corgas, A lampaza, Portela, martelo, Camiño do Viso, Amedo, Insua e O Penedo. O material que se adoita a localizar nestes puntos de vertido incontrolado consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada do material, na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. O goberno galego destina a esta actuación un importe de máis de 50.000 euros (56.343). A limpeza destes puntos permite minimizar e corrixir os impactos orixinados, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminar o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son puntos limpos.

O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es