CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inicia a tramitación da obra de emerxencia do bombeo do río Verdugo

Augas de Galicia mantivo hoxe un encontro co concello de Vigo para pechar o texto do convenio de colaboración para a execución da obra de bombeo desde o rio Verdugo

A Xunta valorará a redución do caudal ecolóxico para garantir o subministro de auga potable á poboación, sempre que o Concello de Vigo certifique por escrito os datos achegados hoxe na reunión que indican problemas da ETAP do Casal para tratar a auga

Sanidade realizará controis de vixilancia para garantir a potabilidade da rede de abastecemento de Vigo
 

Santiago, 1 de decembro de 2017.- A Xunta de Galicia iniciará a declaración de emerxencia da obra de bombeo desde o río Verdugo, unha vez acordados os termos do convenio co concello de Vigo. Tras a reunión de hoxe entre o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez e o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, David Regades Fernández.

No encontro desta mañá concretáronse os termos do financiamento nun 20% desde o departamento autonómico e o 80% por parte do Concello de Vigo, como administración competente en materia de abastecemento.

Así mesmo, co fin de que a obra se poida de declarar de emerxencia e poidan iniciarase os trámites de xeito inmediato sen esperar á sinatura do acordo, desde o concello de Vigo comprometéronse a enviar hoxe mesmo un certificado coa súa solicitude a Augas de Galicia de que sexa esta a encargada da súa execución, así como o seu compromiso financeiro e o de asumir a infraestrutura unha vez estea rematada.

Unha vez recibido este documento, xa se inicia o procedemento por vía de emerxencia. Así, desde o organismo autonómico, en los próximos días se irá concretando o documento básico de execución da obra e a definición do trazado definitivo, de xeito que se poida acotar con exactitude cal é a necesidade dos terreos para proceder á súa ocupación.

Redución do caudal e calidade da Auga

Como segundo punto da reunión, desde Augas de Galicia indicaron a súa disposición a valorar de novo a redución do caudal ecolóxico esta vez co fin principal de garantir a calidade de auga, dado que desde o concello indicaron hoxe mesmo os deficits de funcionamento que presenta a ETAP do Casal, de titularidade municipal, para potabilizar a agua aínda que o embalse estea o 38%, é dicir con auga suficiente para garantir auga potable. Ademais, o concello informou da súa imposibilidade de tomar máis medidas previas á restrición de auga á poboación.
Ante esta situación, a Xunta amosou a súa vontade de analizar de novo a posibilidade de redución de caudal que podería aceptarse sempre que hoxe o concello vigués certifique os datos.

Así mesmo, e no marco da prevención sanitaria, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, realiza controis periódicos na rede de abastecemento de Vigo para asegurar a potabilidade da auga de consumo humano e dos que da traslado ao concello cando se detecta algunha deficiencia para que a Administración local adopte medidas correctoras.

Diante do posible impacto que puidera ter a situación de seca no abastecemento, Sanidade realizará un seguimento das medidas que se adopten desde o concello, como administración competente e responsable da calidade das augas de consumo humano segundo a lexislación vixente. Ademais manterá a vixilancia para determinar, se fora necesario, as medidas preventivas que estime oportunas para reducir os riscos para a poboación.

Sanidade lembra que son os concellos as administracións competentes e responsables de garantir a calidade das augas de consumo humano tal e como recolle a lexislación vixente. Así se recolle na Lei 5/1997 de Administración Local de Galicia e na Lei de Bases de Réxime Local e no Real Decreto 14072003 de criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es