CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inviste grazas ao Plan Hurbe preto de 53.700 euros no Grove para a mellora dos servizos de Vilavella e da rúa Socalcos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local para acometer obras que redunden directamente no benestar dos cidadáns

Plan Hurbe persegue un triplo obxectivo de humanizar as vilas galegas, favorecer a cooperación cos concellos e promover o reequilibrio territorial de Galicia
 

O Grove (Pontevedra), 4 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello do Grove para comprobar as actuacións de mellora executada en Vilavella e na rúa Socalvos deste municipio grazas ao plan Hurbe da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Na visita o delegado estivo acompañado do alcalde da localidade, José Cacabelos, así como do xefe territorial de Medio Ambiente en Pontevedra, José Manuel González..

Os traballos consisten na substitución dos servizos existentes nestes dous puntos da localidade que se atopaban en mal estado, dotando así aos núcleos cunha completa recollida de augas residuais coas correspondentes conexións ás vivendas e reposición do pavimento, que tiña unha capa de rodaxe moi irregular e presentaba fochancas.

Para solucionalo, estase a fresar o pavimento, instalándose unha nova rede de saneamento con sumidoiros e pozos de rexistro ao longo de 40 metros, e unha nova rede de distribución de auga, coa instalación de abastecemento de 44 metros de lonxitude.

As obras, que contan cun investimento de 53.700 euros, están a ser levadas a cabo ao abeiro do Plan Hurbe, que ten como obxectivo humanizar as vilas, especialmente as do interior da nosa comunidade, apostando polo reequilibrio territorial. Ao igual que outras liñas de axuda do Goberno galego como as Orde de Infraestruturas, que tamén apoia ao concellos máis pequenos, con case 9 millóns de euros nos dous últimos anos e case 300 actuacións subvencionadas, e o Fondo de Compensación Ambiental, que dende que se puxo en marcha permitiu aos nosos municipios recibir case 70 millóns de euros e que lles permiten levar a cabo actuación moi necesarias para os seus veciños.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense investido na provincia de Pontevedra nos últimos anos máis de 46 millóns de euros en 29 actuacións en 25 concellos.

Cores Tourís destacou que o Plan Hurbe, ademais de mellorar da calidade de vida dos galegos, é un exemplo dos beneficios que aporta a colaboración permanente e sólida coas entidades locais, e recordou que a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local para acometer este tipo de obras que redundan directamente no benestar dos cidadáns na mellora da calidade de vida.

Por esa razón, a Xunta mantén esta liña de actuación, polo que no 2018 se destinarán 10 millóns de euros, un 28% máis de orzamento que en 2017, para obras en distintos municipios de Galicia. Recordou que o Plan Hurbe púxose en marcha en 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Ao abeiro deste programa, téñense executado un total de 157 actuacións, cun investimento global de 123 millóns de euros.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es