CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente desactiva o operativo de vixilancia, recollida e xestión de residuos procedentes da carga dun buque na costa de Fisterra

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recolleu, desde principios de xaneiro en diversas praias da Costa da Morte, material da perda de carga sufrida polo barco MSC Eloane

Na xornada de onte procedeuse á retirada de restos do contedor no peirao de Corme polo que se considera finalizado o operativo de limpeza, coordinado coa Axencia Galega de Emerxencias e o Servizo de Gardacostas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio desactivou o operativo de vixilancia, recollida e xestión de residuos procedentes da perda de carga dun buque a 40 millas da Costa de Fisterra, o pasado 5 de xaneiro.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio levou a cabo labores de limpeza en diversas praias da Costa da Morte. O concello no que se detectou máis chegada de residuos foi o de Muxía, onde foron precisas actuacións en Lourido, Nemiña e Praia do Campo de Fútbol. Os residuos, aínda que moi espallados, detectáronse en menor cantidade da esperada; e sobre todo recolléronse envases de leite en po e os fardos de material para cama de cabalos. Asemade, nas praias de Fisterra recolléronse residuos por un volume próximo aos nove metros cúbicos. Os traballos de recollida e limpeza foron executados coa colaboración do persoal dos servizos de limpeza municipais.

Para rematar co operativo, onte mesmo procedeuse á retirada de restos da estrutura de contedores de mercadorías procedentes do buque no peirao de Corme, en Ponteceso, que -debido aos seu gran tamaño- tiveron que ser despezadas para o seu traslado ao xestor autorizado.

O dispositivo posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (112) e o Servizo de Gardacostas de Galicia, iniciouse de maneira inmediata tras detectar a arribada a diversas praias de elementos procedentes do cargueiro, principalmente envases de leite en po e fardos de tabaco.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es