CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente vén de iniciar os traballos de eliminación de 15 puntos de vertido incontrolado no concello de Boiro

Os traballos comezaron esta semana e teñen un custo estimado de máis de 30.000 euros

Este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para fomentar a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras iniciativas como a potenciación do servizo de recollida nos puntos limpos

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2018-. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de iniciar os traballos para eliminar 15 puntos de vertido incontrolado no concello de Boiro, por un custo de máis de 30.000 euros (30.412). Esta actuación medioambiental forma parte dunha campaña do Goberno galego para identificar e erradicar este tipo de focos, nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza co conseguinte prexuízo que ocasiona para o entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético.

O material que se adoita a localizar nestes puntos consisten en obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

No concello de Maceda, os 15 puntos identificados localízanse nos lugares de Pazo de Goiáns, Mosquete, Bermo, Sandrenzo, Candosa, Santa María de Castro, Abanqueiro (dous puntos), Pedra do Outeiro, Mirador Vista Alegre, Salgueiro, Comoxo, Cadarnoxo, Rodullo e Montaño. (No envío tamén se axuntan un par de fotos)

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada do material, así como na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. Coa limpeza destes puntos de vertido incontrolado perséguese minimizar e corrixir os impactos orixinados nestas zonas, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminando o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras instalacións, como son os puntos limpos.

O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es