CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita o equipamento escénico do auditorio de Lugo para o que destina un investimento de 3,5 millóns de euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, presentou as principais características deste proxecto que permitirá dotar á cidade dun recurso cultural de primeira orde

Lugo, 9 de marzo de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de publicar no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) e na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación do equipamento escénico do auditorio de Lugo, un paso máis para dotar a esta cidade da primeira infraestrutura cultural da provincia.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, avanzou que esta iniciativa contará cun investimento que supera os 3,5 millóns de euros dirixidos á redacción dos proxectos, dirección facultativa e reservas de crédito para a liquidación do contrato.

Deste xeito a Xunta dá cumprimento ao establecido no convenio asinado co Concello de Lugo, o pasado 4 de outubro, polo que a administración autonómica se comprometía a asumir a contratación, subministración, instalación e posta en marcha do equipamento desta infraestrutura.

Descrición do equipamento

Balseiro explicou que o maior investimento deste contrato está destinado a dotar ao auditorio do sistema audiovisual, ata o punto de supoñer case o 40% do custe total. “Falamos da implantación dos más avanzados sistemas de imaxe e de son que permitirán que este auditorio poida atraer os mellores recitais”-explicou.

Entre outros contará con dous equipos completos de vídeo (un equipo de captación, gravación e difusión para cada unha das dúas salas principais). Así mesmo, instalarase un sistema de cine de proxección dixital

O equipamento inclúe tamén a construción da estrutura metálica tipo peite, colgada das trabes principais situadas sobre o escenario que deberá estar composta por unha reixa de vigas de aceiro.

“Falamos dunha construción a 18 metros de altura sobre o piso do escenario, sen máis acceso que dende este. Neste peite deberán instalarse os motores eléctricos de elevación que soportan as cortiñas, tremoia e elementos do decorado”-explicou o delegado.

Os pregos de contratación inclúen tamén os elementos escénicos, téxtil e sistema de iluminación que debe incluír un mínimo de 84 proxectores na sala de 900 butacas. A estas sumaranse os 64 focos que deberá ter a sala de 300 butacas. Ambas salas contarán cun sistema de control de luz independente.

E para que o auditorio de Lugo sexa un espazo capaz de albergar eventos de índole internacional, inclúe tamén un equipo técnico que permitirá a tradución simultánea na sala de 900 butacas.

Cómpre lembrar que o convenio asinado polo Concello, ademais do equipamento escénico inclúe que a Xunta asuma os gastos de mantemento do inmoble ata a súa entrega á administración local, polo que se prevé un investimento global final, por parte da Xunta, de preto de 3,8 millóns.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es