CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta colabora na mellora dos sistemas de depuración de tres lugares de Campo Lameiro a través dunha axuda do fondo de compensación ambiental

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o municipio para comprobar os traballos efectuados nos lugares de Painceiros, Couso e Moraño

Os traballos contaron cun orzamento de case 39.000 euros e permitiron dotar de servizos urbanos de abastecemento e saneamento de augas a estes tres núcleos poboacionais

Tamén analizou co alcalde deste concello o proxecto de saneamento que está a realizar Augas de Galicia para a parroquia de Fragas ao que a Xunta destinará máis dun millón de euros
 

Campo Lameiro (Pontevedra), 13 de abril de 2018.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Campo Lameiro co obxectivo de analizar, xunto ao alcalde da localidade, Julio Sayáns, os proxectos executados a través do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia que permitiron dotar de servizos urbanos de abastecemento e saneamento de augas a tres núcleos poboacionais deste concello.

Deste xeito, Campo Lameiro destinou case 39.000 euros a este proxecto, dos cales foron subvencionados o 80%, co obxectivo de dotar de saneamento aos lugares de Painceiros, Couso e Moraño.

“Con este proxecto pretendeuse mellorar e substituír algunha das infraestruturas dos sistemas de depuración instalados en diversos lugares do concello, como consecuencia do seu deterioro e insuficiencia, controlando así os vertidos e eliminando os riscos medioambientais”, explicou Cores Tourís.

No lugar de Painceiros o sistema de depuración constaba dun pretratamento e dun compacto fosa-filtro que se atopaba moi deteriorado e sen posibilidades de arranxo, polo que optouse pola substitución total do sistema existente instalando un novo dimensionado para 100 habitantes . No caso do lugar de Couso, o sistema anterior que contaba con filtro biolóxico e decantadores secundarios de formigón armado prefabricado tiña varias deficiencias que puideron ser solucionadas mediante a introdución de certas melloras para seu correcto uso, como unha arqueta con reixa de desbaste de aceiro inoxidable, cambio do filtro biolóxico e instalación dun repartidor estático.

Finalmente, no lugar de Moraño, o sistema de depuración constaba dun pretratamento con fosa filtro compacta en poliéster que non permitía que se alcanzaran os valores esixidos, polo que se instalou unha arqueta con reixa de desbaste de aceiro inoxidable para retirar sólidos grosos.
O delegado territorial da Xunta de Galicia recordou que xa foi publicada a nova orde de Infraestruturas e Fondo de Compensación da Consellería de Presidencia para este ano, e que superará entre ambas os 13 millóns de euros.

A Xunta de Galicia destinou o ano pasado un total de 11 millóns de euros, aos concellos galegos, en dos liñas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico, que ten unha cuantía global de 7,7 millóns, beneficiándose 16 concellos pontevedreses cunha axuda total de 545.000 euros. Pola súa banda, á liña competitiva, na que se atopou o ano pasado o proxecto visitado hoxe en Pontecesures, puideron optar a totalidade das entidades locais galegas que contan con proxectos medioambientais axustados á convocatoria, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, dos cales, na provincia de Pontevedra beneficiáronse 17 concellos cun total de 760.000 euros.

O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.

Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

E dentro da aposta da Xunta de Galicia pola mellora dos servizos nos concellos do rural, o delegado territorial tamén aproveitou a visita para analizar co alcalde do municipio o proxecto que está a redactar Augas de Galicia para executar o saneamento da parroquia de Fragas, en concreto, nos lugares de Reboredo, Mullerboa, Cerdeiras e Fontenla, no que se investirá máis dun millón de euros, beneficiando a máis de 200 vivendas.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es