CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente celebra por primeira vez en Galicia a ‘UE Green Week’ cunha xornada sobre a Infraestrutura Verde da Coruña

O Instituto de Estudos do Territorio organiza un encontro a sobre a Infraestrutura verde da área de Coruña aberto á participación do público en xeral o vindeiro 25 de maio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio trasladará o seu traballo en torno á Infraestrutura Verde da Área da Coruña, como un exemplo de planificación ambiental estratéxica nunha área urbana

Trátase dunha xornada, de balde, dirixida aos concellos, entidades sociais e cidadáns, co fin de recoller puntos de vista que melloren a xestión destes espazos
 

Santiago, 11 de maio de 2018.- Con motivo da celebración da Semana Verde da Comisión Europea (Eu Green Week), a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio celebra por primeira vez en Galicia esta cita cunha xornada na que se abordarán os proxectos que desde Galicia se están a desenvolver para mellorar as cidades e que estas sexan acordes coas iniciativas que se poñen en marcha dende a Unión Europea.

Así, o Instituto de Estudos do Territorio organiza para o vindeiro venres 25 de maio, a partir das 10:30 horas, unha xornada sobre a Infraestrutura verde da área da Coruña, co fin de poñer en valor un exemplo de planificación ambiental estratéxica nunha área urbana.

A Semana Verde da Comisión Europea é o maior evento anual da axenda medioambiental de Europa, que se celebrará dende o 21 ata o 25 de maio, e este ano está dedicado ás cidades, coa finalidade de explorar como a Unión Europea está contribuíndo a mellorar as cidades como lugares para vivir e traballar. Baixo o título Cidades Verdes para un Futuro Máis Verde, búscase destacar os avances en materia de calidade do aire, auga, ruído, xestión de residuos, natureza e biodiversidade, así como de implicar á cidadanía nesta visión dun futuro sostible.

Dentro do programa da EU Green Week, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organiza un evento sobre a Infraestrutura Verde da Área da Coruña, como exemplo de planificación ambiental estratéxica nunha área urbana.

Para dar conta do traballo realizado ata o momento neste proxecto para área da Coruña, celebrarase unha mesa redonda na que participará a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre, o director da área de Construción Sostible do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Óscar Martínez Lamigueiro, e o técnico da Asociación deDesenvolvemento Rural (ADR) Mariñas Betanzos, Manuel Giménez Solla. Na xornada tamén se contará coa participación do xefe da Unidade de Conservación do Medio Natural da Axencia de Medio Ambiente e Sostibilidade, que centrará a súa intervención na experiencia de definir unha infraestrutura verde a escala local, como é o Camiño de Zaragoza.

Asemade, a subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, María Luz Macho Eiras, tamén intervirá nesta xornada para explicar o traballo da Consellería de Medio Ambiente en relación coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.

As persoas interesadas en asistir ás diferentes actividades gratuítas poden inscribirse no correo electrónico: secretaria.iet@xunta.gal ou ben nos teléfonos 981 541 755/6.

Infraestrutura Verde da Coruña

A Infraestrutura Verde da Coruña é un proxecto no que os concellos teñen un papel clave para canalizar as demandas cidadáns e que debe basearse na colaboración intermunicipal para identificar o denominador común entre eles. Unha infraestrutura verde busca planificar unha rede de zonas naturais, seminaturais e doutro tipo de elementos ambientais que garantan a provisión de servizos ambientais e a protección da biodiversidade nestas zonas.

A Xunta leva traballando neste proxecto concreto da área da Coruña dende o ano 2017, no que se asinou un convenio de colaboración coa Escola Galega da Paisaxe, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a ADR Mariña Betanzos para o deseño técnico desta infraestrutura verde.

Así mesmo, desde xaneiro deste ano, estase a impulsar un sistema de gobernanza do territorio obxecto deste proxecto cunha dimensión intermunicipal, que busca a cooperación entre concellos e Xunta, co fin de garantir a sustentabilidade do territorio e facer fronte aos desafíos ambientais. Recentemente, presentouse o documento Feitos, Retos e Propostas, no que se recollen os primeiros resultados das entrevistas realizadas aos concellos coruñeses que colaboran coa Xunta na elaboración da Infraestrutura Verde da área da Coruña. Esta traballo desenvolvido cos municipios coruñeses será integrado no documento técnico da estratexia, que estará listo este ano.

Trátase de definir un novo sistema de gobernanza do territorio cunha dimensión intermunicipal, para o que é imprescindible a cooperación entre concellos e Xunta, co fi de garantir a sustentabilidade do territorio e facer fronte aos desafíos ambientais, cuxos proxectos terán que abranguer a máis dun municipio.

A Xunta leva tempo traballando neste proxecto concreto da área da Coruña e de feito, en abril deste ano, presentou o documento Feitos, Retos e Propostas, no que se recollen os primeiros resultados das entrevistas realizadas aos concellos coruñeses que colaboran coa Xunta na elaboración da Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña. Esta primeira fase do traballo desenvolvido cos municipios coruñeses servirá de base para deseñar o borrador da estratexia, que previsiblemente estará listo este verán.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es