CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Augas de Galicia constata que o informe presentado por Vilaboa garante o abastecemento no 64,4% dos núcleos municipais

A valoración do organismo de conca, que foi trasladada hoxe ao Concello, abre a porta a unha aprobación parcial do PXOM neses núcleos

A análise conclúe que 3 das 5 parroquias de Vilaboa, nas que vive case o 74% da poboación, contan con concesións suficientes para cubrir a demanda dos veciños

Cómpre destacar que dentro destas zonas atópase a totalidade dos núcleos costeiros de Vilaboa

Santiago, 8 de xuño de 2018.- Augas de Galicia vén de remitirlle ao alcalde de Vilaboa a súa valoración sobre o informe presentado polo Concello no que se analiza a poboación que actualmente conta con concesión de abastecemento no municipio.

Na análise realizada por Augas de Galicia conclúese que 3 das 5 parroquias de Vilaboa (Santa Cristina de Cobres, Santo Adrán de Cobres -menos o núcleo de Sobreira-, e San Martiño de Vilaboa -descontando os núcleos de A Graña e Novás-) contan con concesións suficientes para cubrir a demanda da súa poboación. En cambio, nas dúas parroquias restantes (Santo André de Figueirido e Santa Comba de Bértoa) non queda xustificada a existencia de concesións que cubran de forma suficiente o abastecemento de auga.

Deste xeito, constátase que un 64,4% dos núcleos de Vilaboa, nos que habita o 73,74% da poboación local, conta con concesións capaces de cubrir a demanda de abastecemento dos seus veciños. Cómpre destacar que dentro destas zonas atópase a totalidade dos núcleos costeiros de Vilaboa.

En canto aos novos desenvolvementos urbanísticos previstos, analizados no informe presentado polo concello, Augas de Galicia estima que non queda xustificada a existencia de concesións que cubran a totalidade da demanda que se prevé, polo que se precisa unha ampliación das actuais.

Esta análise, cuxas conclusións foron trasladadas hoxe ao Concello, abre a porta a unha aprobación parcial do PXOM de Vilaboa respecto dos núcleos que acreditan suficiencia a través de concesións legalizadas.

Trámite imprescidible

Contar con documentación acreditativa de que toda a poboación dun municipio conta con recursos de auga suficientes, tanto para facer fronte á demanda de auga actual como á prevista no futuro, era unha das condicións do informe favorable que emitiu Augas de Galicia sobre o novo PXOM de Vilaboa en 2016. Isto unido a que en 2017 unha sentencia do Supremo marcou xurisprudencia anulando o PXOM de Monterrei por entender non acreditada a suficiencia e dispoñibilidade dos recursos hídricos, fai que os Concellos que están en vías de aprobar os seus plans deban asegurase de cumprir ao máximo este punto.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es