CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Sogama situarase en 2019 á cabeza das infraestruturas industriais de tratamento de residuos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as obras da nova planta de recuperación de envases na bolsa negra, cuxas obras rematarán en xuño e estará a pleno rendemento a finais deste ano

Salienta que o obxectivo é multiplicar por catro a cifra actual de material susceptible de ser reciclado atopado na bolsa negra, polo que coa ampliación trataranse 120.000 toneladas de materiais que se enviarán aos centros de reciclaxe

Indica que Sogama vai un paso por diante no obxectivo comunitario de limitar o vertido a un máximo dun 10% no ano 2035 e que cumprirá a premisa fixada por Europa de que o uso do vertedoiro debe ser unha excepción, non unha norma
 

  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as obras da nova planta de recuperación de envases na bolsa negra
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as obras da nova planta de recuperación de envases na bolsa negra
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as obras da nova planta de recuperación de envases na bolsa negra
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as obras da nova planta de recuperación de envases na bolsa negra
  • A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitou esta mañá as obras da nova planta de recuperación de envases na bolsa negra

Cerceda (A Coruña), 12 de xuño de 2018.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá que o Complexo Medio Ambiental de Sogama en Cerceda será en 2019 a infraestrutura industrial de tratamento de residuos máis eficiente e con maior capacidade. Así o puxo de manifesto esta mañá a conselleira durante a unha visita ás obras de construción da nova planta na que se recuperarán os envases contidos no lixo en masa (na bolsa negra) e da remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Indicou que as obras rematarán este mesmo mes de xuño, polo que se inicia o período de probas e operará a pleno rendemento a finais deste mesmo ano. Avanzou que a continuación se iniciará a segunda fase, a remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. No momento no que se conclúan ambas fases, a finais de 2019, Sogama converterase nunha das infraestruturas industriais das súas características máis grandes e eficientes do planeta.

A conselleira de Medio Ambiente puxo como exemplo varias cifras relacionadas coa actividade de Sogama, como o feito de que -desde 1999- procesou na súa planta de clasificación máis de 314.000 toneladas de envases recollidos a través dos contedores amarelos; ás que hai que sumar as 185.000 toneladas que extraeu da bolsa negra, na que se atoparon materiais susceptibles de ser reciclados, que non foron seleccionados en orixe polos cidadáns, e que se poden reintegrar ao circuíto comercial cunha nova vida.

Non obstante, indicou que o obxectivo é multiplicar por catro a cifra actual, polo que coa ampliación tratarase o lixo doméstico de xeito máis eficiente e sostible, acadando a cifra de 120.000 toneladas de materiais que se enviarán aos centros de reciclaxe. Adiantou que estes obxectivos permitirán reducir o uso do vertedoiro a mínimos, pretendendo chegar ao vertido técnico cero, é dicir, que só se desvíe a vertedoiro a parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente.

Sinalou que este reto contribuirá a dar resposta aos obxectivos da Unión Europea en materia de tratamento de residuos e reciclaxe, e Sogama vai un paso por diante, xa que o complexo dará debido cumprimento ao gran obxectivo de limitar o vertido a un máximo dun 10% no ano 2035; posto que Europa trasladou que o uso do vertedoiro debe ser unha excepción, non unha norma.

Futuro circular

A conselleira de Medio Ambiente destacou que hoxe ninguén pon en dúbida que o modelo de produción lineal, baseado en extraer, fabricar, consumir e tirar, está caduco e que o futuro pasa pola economía circular, un modelo que prima o retorno, a renovación e o uso eficiente dos recursos.

O obxectivo é manter o valor económico dos produtos, materiais e recursos o maior tempo posible e reducir ao máximo a xeración de residuos, é dicir, trátase de imitar o modelo cíclico da natureza no que os materiais se empregan para crear un produto que será incorporado de novo ao proceso produtivo.

Explicou que o futuro pasa por converter os residuos en recursos por dúas razóns fundamentais, porque xera beneficios ambientais e sociais e porque impulsa novas oportunidade.

Indicou que a Comunidade galega xa está a sentar as bases para a implantación real e efectiva da economía circular, grazas á Estratexia Galega de Economía Circular, que se atopa en redacción; e á Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, dúas ferramentas que serán a folla de ruta para que Galicia sexa unha comunidade referente e punteira neste eido.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es