CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta presenta á convocatoria europea ‘Life’ un proxecto para mapear e tratar os solos contaminados por lindano

A Consellería de Medio Ambiente asumirá a coordinación da iniciativa, para a que conta coa participación da Universidade de Santiago, o CSIC e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que colaborarán aportando medios propios

O proxecto co que o Goberno galego aspira a captar axudas europeas conta cun orzamento total de case 2 millóns de euros a executar nun período de 5 anos
 

Santiago, 12 de xuño de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, presentou hoxe á súa candidatura á convocatoria de axudas europeas LIFE cun proxecto para mapear e tratar os solos periurbanos contaminados por residuos de lindano. A iniciativa está liderada pola Xunta, que asume o papel de coordinadora, e tamén conta coa participación e apoio da Universidade de Santiago (USC), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que -no caso de que se conceda dita axuda- comprometen para levar adiante o proxecto recursos propios.

Baixo o título Life OfflLindane, o obxectivo é proceder á fitorremediación dos solos afectados por lindano como medio para minimizar a medio prazo a presencia deste residuo tanto na terra como no medio hídrico, co fin de mellorar a calidade deses solos contaminados.

A través da execución do proxecto, procederase tamén a realizar un mapeo exhaustivo da localización de residuos de lindano naqueles puntos nos que se ten localizado a presenza desta substancia. Tras esta mostraxe, ensairanse solucións de fitorremediación en solos nos que se detectara a presencia desta substancia co fin de buscar a súa restauración ecolóxica, de forma que se evite o selado dos mesmos e se garanta a súa sustentabilidade funcional.

A fitorremediación consiste no emprego de plantas e dos seus microorganismos asociados para a mellora funcional e a recuperación de solos contaminados. Este método baséase nos procesos naturais mediante os cales as plantas e a microbiota asociada ás súas raíces degradan ou secuestran os contaminantes.

Trátase dunha técnica beneficiosa para o medio ambiente a través do cultivo de plantas e ao mesmo tempo, é un método efectivo de recuperación da calidade do solo que pode resultar ata 3 veces máis económico que as accións de remediación clásicas e máis tradicionais (encapsulamento e traslado do residuo). O proxecto enmárcase dentro das prioridades do programa de traballo plurianual LIFE, un instrumento financeiro da Unión Europea dedicado ao medio ambiente para o período 2018-2020.

O importe total do proxecto que vén de presentar a Consellería ascende a case 2 millóns de euros (1.976.020 €) e o prazo de execución é de 5 anos.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es