CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio Ambiente inviste máis de 10.000 euros na limpeza e conservación do rego de Santo Tomé ao seu paso por Meis

Técnicos de Augas de Galicia acometeron durante varias xornadas os traballos de mantemento, que consistiron na roza selectiva do tramo, clareo e poda de brotes de arbolado

Esta actuación encádrase nos labores de mantemento, recuperación e mellora do dominio público das bacías da demarcación Galicia-Costa, co obxectivo de acondicionar os accesos e garantir a protección dos ecosistemas fluviais

Santiago, 10 de xullo de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Augas de Galicia, vén de concluír os traballos de mantemento, conservación e mellora das marxes do rego de Santo Tomé ao seu paso polo Concello de Meis (Pontevedra).

Aos traballos destinouse unha partida de 12.900 euros e consistiron fundamentalmente na roza selectiva de todo o tramo, clareo e poda de brotes de arbolado; así como a retirada de todas as árbores e ramas caídas sobre a canle do rego, co fin de evitar atoamentos. Tamén se traballou na eliminación de masas localizadas de Arundo donax e os brotes de Acacia melanoxylon. Os labores dos técnicos focalizáronse sobre un tramo do rrego de case 400 metros de lonxitude que discorre pola parroquia de Lusío.

Estes traballos encádranse nas actuacións que ao longo do ano desenvolve Augas de Galicia para o mantemento, conservación e mellora do dominio público das bacías da Demarcación Galicia-Costa co obxectivo de acondicionar os accesos e garantir a protección dos ecosistemas fluviais, así como asegurar a correcta circulación das augas.

Con este tipo de intervencións, o organismo de conca pretende mellorar os espazos de dominio público, as zonas de acceso e a protección das marxes dos ríos de Galicia-Costa.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es