CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Os máis de 100 l/m2 de chuvia rexistrados en xuño duplicou o valor habitual acumulado propio deste mes

Os maiores valores acadáronse nas zonas da Montaña de Ourense, con 170 l/m2 e nas comarcas de Xallas e Santiago, con valores por riba dos 150 l/m2

As temperaturas estiveron marcadas pola variabilidade, con días nos que os valores máximos non chegaron aos 20ºC e outros nos que se superaron os 30ºC

O mes de xullo pódese considerar como húmido, con temperaturas máximas máis baixas do normal e mínimas máis cálidas

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2018.- A chuvia rexistrada en xuño duplicou a chuvia acumulada habitual para os sexto mes do ano; isto debeuse principalmente ao período chuvioso dos primeiros 11 días do mes e aos fenómenos tormentosos rexistrados nos últimos días. Esta é unha das conclusións que recolle o informe climatolóxico mensual de MeteoGalicia, no que se subliña que xuño foi un mes moi húmido con temperaturas máximas máis baixas do normal e mínimas máis cálidas.

Asemade, estivo marcado pola gran variabilidade nas situacións meteorolóxicas, xa que comezou con borrascas, que achegaron moita chuvia e deixaron temperaturas baixas; pero na segunda quincena houbo varias xornadas con temperaturas máximas extremas.

As precipitacións estiveron moi por riba do agardado nun mes de xuño debido principalmente ao período chuvioso dos primeiros once días do mes, de feito, soamente coas chuvias acumuladas neses días era suficiente para considerar o mes como húmido. O valor medio no conxunto de Galicia neste mes foi de 104 l/m2. Os maiores rexistros acadáronse nas zonas de montaña de Ourense, máis de 170 l/m2, e nas comarcas de Xallas e Santiago, con valores por riba dos 150 l/m2.

Tendo en conta o valor medio para o conxunto do territorio foi un 108% superior ao período de referencia 1981-2010. Os valores máis altos acadáronse principalmente na provincia de Ourense polas treboadas, con valores de máis de tres veces o normal dun mes de xuño.

En canto á temperatura, estas quedaron mo marcadas pola variabilidade nos valores, con moitos días nos que os valores máximos non chegaron aos 20ºC e outros -sobre todo entre as xornadas do 20 e o 24- no que non se superaron os 30 ºC.

O valor medio das temperaturas máximas no mes de xuño foi de 21,3ºC. Os valores máis baixos rexistráronse principalmente na Mariña Lucense e Ortigueira con valores próximos aos 15 ºC e os máis altos nas comarcas limítrofes cos ríos Miño e Sil e na comarca de Verín, onde o valor medio de temperatura máxima achegouse aos 26ºC.

Para ampliar esta información poden consultar o Resumo do Informe Climatolóxico Xuño 2018, elaborado por MeteoGalicia e dispoñible na páxina web.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es