CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia contará cunha estratexia de loita contra o cambio climático na que se invitará á participación de todos os axentes

A conselleira de Medio Ambiente fixo este anuncio no Parlamento para explicar as liñas estratéxicas do seu departamento e onde trasladou o firme compromiso de traballar para acadar entre todos un pacto ambiental

Avanza que se implantará a pegada ecolóxica, unha ferramenta que será o indicador máis axeitado para avaliar a eficacia das accións derivadas das políticas medio ambientais

Galicia contará por primeira vez cun Centro tecnolóxico de medio ambiente, un instrumento pioneiro que situará á Comunidade como un referente para avanzar na loita contra o cambio climático

Defende a economía circular como “única opción de futuro”, polo que se debe traballar para converter os residuos en recursos e fomentar un consumo que esgote o ciclo de vida dos produtos, no marco da Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental e Economía Circular

Crearase o Observatorio de ríos e elaborarase un plan marco director de actuación para a xestión das concas fluviais, medidas coas que se levará a cabo unha actuación completa e global sobre os ríos e se protexerán os seus cauces, os caudais e as súas especies

A actualización da Lei de patrimonio natural, a ampliación da Rede Natura 2000 e a posta en marcha da Rede Galega de Reservas da Biosfera serán as ferramentas coas que se dará resposta ao reto de avanzar na protección, conservación e divulgación do patrimonio natural de Galicia

Salienta que o seu departamento foi o primeiro en elaborar un plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural, dotado con catro millóns de euros, para traballar a prol da protección, conservación e divulgación da riqueza natural
 

  • A conselleira de Medio Ambiente fixo este anuncio no Parlamento
  • A conselleira de Medio Ambiente fixo este anuncio no Parlamento
  • A conselleira de Medio Ambiente fixo este anuncio no Parlamento

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2017.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, adiantou esta mañá que Galicia contará cunha Estratexia de loita contra o cambio climático e enerxía 2050, á que se invitará a participación de todos os axentes co fin de fixar as grandes liñas de accións na loita fronte a este fenómeno. A conselleira de Medio Ambiente compareceu esta mañá no Pleno do Parlamento para dar conta das liñas estratéxicas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, onde salientou que será unha folla de ruta que incorporará a consideración do cambio climático na xestión territorial e que levará aparellada a elaboración dun mapa de coñecemento en cambio climático, permitirá identificar a todos os axentes implicados nesta loita e definir as liñas de actuación en observación, mitigación e adaptación ao fenómeno.

De xeito complementario, porase en marcha a Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental e Economía Circular, centrada en crear unha economía eficiente, sustentable e baixa en emisións de carbono. Basearase nun esquema de economía circular, enfocada a un consumo que cubra todo o ciclo de vida dos produtos e fomentando medidas de mellora do entorno empresarial, prestando especial atención ás pemes, como métodos de deseño ecolóxico ou a aposta pola enerxía renovable.


Outro dos avances que fixo na súa intervención foi que Galicia contará por primeira vez cun Centro Tecnolóxico de Medio Ambiente. Este será un dos instrumentos que preparará á Comunidade galega na loita contra o cambio climático e un camiño para empregar de xeito máis eficiente os medios dos que se dispoñen na actualidade, xa que se combinarán os recursos e se aproveitarán as sinerxías de dous departamentos como Meteogalicia e o Laboratorio de Medio Ambiente.

Aclarou que grazas as dúas estruturas destes entes dependentes da Consellería que dirixe crearase unha unión que será un referente no campo da meteoroloxía e do medio ambiente e que permitirá implantar un modelo de xestión integrado e eficiente e incrementar a actividade investigadora e de innovación.

Tal e como avanzou, esta á unha das medidas que se prevé poñer en marcha para situar a Galicia na vangarda da loita contra o cambio climático. Indicou que outra das accións é a implantación dunha ferramenta que permitirá calcular a pegada ecolóxica en Galicia, o indicador máis axeitado para avaliar a eficacia das accións derivadas das políticas medio ambientais e que permitirá: medir o impacto do cambio climático nos ecosistemas galegos, avaliar a eficacia das medidas que se tomen, e elaborar modelos de simulación de posibles escenarios de evolución do cambio climático.

A economía circular é hoxe a única opción de futuro. En Galicia se teñen dado pasos para converter os residuos en recursos pero hai que seguir, polo que se actualizará a norma ambiental galega sobre avaliación ambiental e residuos e se desenvolverá o Plan de Xestión de Residuos Industriais 2016-2022, aprobado o pasado decembro, dotado con 19 millóns e que inclúe 108 medidas.

Grazas a ampliación de Sogama, actuación á que se destinarán 29 millóns, aumentarase a capacidade nun 81%; polo que estará en condicións de de tratar de xeito óptimo o lixo doméstico producido en Galicia e de multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe, acadando o 12% da reciclaxe material unicamente a través das súas fraccións de lixo que xestiona Sogama, ao tempo que diminuirá en gran parte o depósito en vertedoiro. Engadiu que a posta en marcha da planta de compostaxe industrial da Areosa permitirá procesar 15.000 toneladas anuais procedente de grandes produtores, co que se obterá entre 3.000 e 4.000 toneladas de compost de boa calidade, que reunirá os requisitos necesarios para ser empregado na agricultura.

A xestión dos recursos hídricos

A conselleira de Medio Ambiente defendeu que outro dos piares do seu departamento son as actuacións en materia de augas, polo que na actual lexislatura, se completará o saneamento integral das rías, co fin de que no horizonte 2020 se conclúa toda a planificación do saneamento e a maior parte das infraestruturas se atopen en execución ou en servizo.

Un compromiso que queda blindado un ano máis nos orzamentos de Augas de Galicia que supera novamente os 100 millóns de euros e dos que case a metade (46,7 millóns) ser destinará á planificación e execución de novas infraestruturas hidráulicas e case 34 millóns a novas infraestruturas de saneamento e depuración nas rías.

Mato Otero indicou que non só é importante contar con infraestruturas senón tamén é preciso mellorar o ciclo integral da auga. Nese senso, a conselleira adiantou que traballarán en dúas actuacións para impulsar o Pacto Local da Auga. Proporá ao presidente da Fegamp e aos das deputacións a sinatura dun convenio no que se consensuarán os criterios para a colaboración financeira e técnica da Xunta para o desenvolvemento das competencias municipais en materia de saneamento e abastecemento. Neste documento, tamén se porán as bases para lograr unha política de recuperación de custes que sexa homoxénea en toda Galicia, tal e como se indica na directiva comunitaria e como esixe a utilización de fondos europeos.

A segunda das medidas consistirá en implantar un sistema tecnolóxico de mellora da eficiencia na xestión das infraestruturas hidráulicas, que permitirá un uso enerxeticamente máis eficiente, un mantemento sostible das instalacións e un modelo de ecoinnovación.

Observatorio de ríos

Outro dos anuncios que realizou a responsable de Medio Ambiente foi a creación dun Observatorio de Ríos de carácter permanente, cuxo principal obxectivo será orientar as políticas e actuacións que levan a cabo as diferentes administracións en relación aos ríos.
Permitirá avaliar os aspectos ambientais e ecosistémicos destas medidas e a posta en valor social destes espazos naturais, afirmou a conselleira e engadiu que se está a redactar un borrador de decreto polo que se creará este instrumento, no que terán presenza distintas administracións (Xunta, Confederacións Hidrográficas...), representantes da sociedade civil (asociacións ecoloxistas ou a Federación Galega de Pesca) e do ámbito académico.

Un traballo que estará complementado pola elaboración dun plan marco director de actuación para a xestión das concas fluviais, no que se tentará compatibilizar o aproveitamento sustentable destes recursos e o respecto á conservación da natureza. Esta medida permitirá levar a cabo unha actuación completa e global sobre os ríos, protexer os seus cauces, os seus caudais e as súas especies.

Patrimonio Natural

A conselleira de Medio Ambiente indicou que avanzar na protección, conservación e divulgación do patrimonio natural será un dos restos da lexislatura aos que se dará resposta con iniciativas como o primeiro plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural. Recordou que se o ano pasado se creou a Rede de Parques Naturais de Galicia, unha medida pioneira para aproveitar as sinerxías destes espazos, agora se afondará na súa consolidación con este plan que contará con 29 actuacións e cun custe de 4 millóns de euros.

Esta aposta polo patrimonio esixe un marco normativo actualizado, por iso o Consello da Xunta vén de coñecer o contido do anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural de Galicia, co que se actualizará unha lei obsoleta tras 16 anos de vixencia. Grazas a esta nova lei, levarase a cabo unha protección transversal do patrimonio natural galego e da súa biodiversidade e entre as súas principais novidades destaca a creación da nova figura das microrreservas naturais e a posta en marcha do catálogo de hábitats en perigo de desaparición. As previsións da Consellería é que no seguinte período de sesións se poida remitir o novo texto ao Parlamento para a súa tramitación e posterior aprobación.

Mato Otero tamén adiantou que unha terceira medida neste eido será a ampliación da Rede Natura 2000, co fin de completar o sistema de áreas protexidas da nosa comunidade e de compatibilizar o cumprimento das obrigas comunitarias coa actividade socioeconómica das zonas a incluír na Rede Natura 2000.

Tal e como explicou a conselleira, isto situará a Galicia na media das rexións atlánticas, nas que a porcentaxe de superficie Rede Natura atópase entre o 10 e o 15% do territorio e darase un paso adiante na ampliación dos espazos protexidos, preservando e mellorando o estado de conservación do hábitats e especies de interese comunitario.

Esta medida estará complementada coa posta en marcha da Rede Galega de Reservas da Biosfera, que facilitará reunións e actuacións conxuntas das seis Reservas da Biosfera de Galicia, co obxectivo de de intercambiar experiencias e coñecementos.
O proxecto de decreto polo que se creará a rede está neste momento na fase final da súa tramitación, polo que se prevé aprobalo no primeiro trimestre deste ano; e neste marco, iniciaranse os traballos para a declaración pola Unesco da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.

En conclusión, a conselleira sinalou que Galicia non pode quedarse atrás e debe converxer coas rexións europeas máis avanzadas en materia de medio ambiente, para situarse á cabeza nos próximos anos.

Invitou por facer da actual lexislatura á da “aposta decida polo natural, polo verde e polo azul, polo que define a Galicia” e por seguir avanzando na liña do traballo xa feito e dando resposta no horizonte 2020 aos eixes sobre os que xiran as políticas da Consellería: a posta en valor do patrimonio natural de Galicia, a loita contra o cambio climático, o xiro cara a economía circular, a boa calidade para o 100% das masas de auga e a aposta pola paisaxe e a ordenación sostible do territorio.

A conselleira de Medio Ambiente afirmou que para cumprir con este obxectivo é preciso contar coa implicación de toda a sociedade galega, polo que trasladou o seu compromiso de traballar para acadar entre todos un pacto ambiental e reiterou unha vez máis a necesidade de acadar o consenso, porque “é unha cuestión de vital importancia para todos”.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es