CMATI

|
|
|
Compartir

Estrutura da Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural estrutúrase nas seguintes unidades:

Subdirección Xeral de Espazos Naturais:

Exercerá as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación dos hábitats naturais, dos elementos singulares da xea e das paisaxes naturais e rurais, que conforman no seu conxunto o patrimonio natural. 

b) A conservación, protección e promoción da Rede galega de espazos naturais protexidos e a Rede Natura 2000, así como doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A elaboración e implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión dos espazos naturais protexidos.

d) O fomento de medidas de colaboración e coordinación nas campañas relativas á obtención da bandeira azul.

e) A coordinación de procedementos de queixas e denuncias.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

 Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

  • Servizo de Conservación de Espazos Naturais, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións relativas á protección, conservación, xestión, restauración, mellora, recuperación, divulgación e promoción dos espazos protexidos.

b) O fomento, consolidación e promoción da Rede galega de espazos naturais protexidos e a Rede Natura 2000 e doutras zonas de alto valor ambiental.

c) A elaboración dos instrumentos de planificación e xestión.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

  • Servizo de Análise de Proxectos, Plans e Programas, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A elaboración de informes, directrices e criterios técnicos sectoriais en relación cos procedementos de avaliación dos proxectos, plans e programas que afecten o medio natural e os valores do patrimonio natural.

b) A emisión de informes ou autorizacións relativos a obras, instalacións e actividades que se precisen e, en particular, no referido a accións que afecten a Rede galega de espazos naturais ou Rede Natura 2000.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

  • Servizo de Parques Naturais da Zona Norte, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión executiva ordinaria dos parques naturais das Fragas do Eume e do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos ditos espazos protexidos. Igualmente, correspóndelle a dirección da Reserva Nacional de Caza dos Ancares.

b) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

  • Servizo de Parques Naturais da Zona Sur, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O exercicio de funcións relativas á dirección e xestión executiva ordinaria dos parques naturais do Monte Aloia, Baixa Limia-Serra do Xurés, do Invernadeiro e da Serra da Enciña da Lastra, así como o seguimento das actuacións das xuntas consultivas dos ditos espazos protexidos.

b) A realización das actuacións necesarias nos supostos de emerxencia que se poidan producir no interior dos parques.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas:

Exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, conservación, protección, fomento e aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas nas augas continentais.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos para a protección e conservación das especies silvestres.

c) A elaboración de normativa que afecta o exercicio da caza e da pesca fluvial e o benestar animal, sen prexuízo neste último suposto das competencias que ao respecto teña atribuídas o órgano competente en materia de produción animal.

d) A tramitación dos expedientes administrativos para a declaración de terreos sometidos a réxime cinexético especial, así como das distintas figuras das augas continentais.

e) O control e policía da riqueza cinexética e piscícola nas augas continentais.

f) A inspección e o control dos establecementos cinexéticos, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

g) A elaboración e a implementación dos instrumentos de planificación, desenvolvemento e xestión das especies.

h) Emitir informes sectoriais con relación os procedementos de aprobacións e/ou modificacións de centros de acuicultura en augas continentais.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

Para o exercicio das súas funcións contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

  • Servizo de Caza e Pesca Fluvial, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A divulgación, formación e promoción específica dos recursos cinexéticos e piscícolas en augas continentais.

b) A inspección e control das granxas cinexéticas, sen prexuízo das funcións que teñan atribuídas outros órganos en materia de sanidade animal, e a súa xestión cando dependan da Administración autonómica.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

  • Servizo de Conservación da Biodiversidade, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións relativas á conservación das especies da fauna e da flora silvestre e a elaboración das propostas de catalogación de especies ameazadas e a dos plans para a súa xestión, así como a execución destes.

b) O desenvolvemento de medidas e instrumentos de seguimento, protección, control e conservación dos elementos que compoñen a biodiversidade, prestando atención particular ás especies introducidas de carácter invasor.

c) A aplicación de medidas de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

d) A coordinación dos centros de recuperación de fauna silvestre.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

 

Baixo a dependencia orgánica e funcional da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Existes as seguintes unidades co nivel orgánico de servizo:

  • Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión executiva ordinaria do parque nacional e desenvolver os instrumentos de planificación e xestión.

b) A coordinación das funcións de vixilancia, inspección e denuncia exercidas polos/as axentes forestais e axentes facultativos ambientais no ámbito do parque nacional no exercicio das súas funcións como axentes da autoridade.

c) A coordinación de actuacións en situacións de emerxencia derivadas de accidentes que requiran medidas excepcionais para preservar os valores naturais do parque nacional, salvo naqueles casos en que sexa precisa a activación dalgún plan de emerxencias.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

  • Servizo Xurídico-Administrativo, ao que lle corresponden as seguintes funcións:

a) O estudo e a elaboración das resolucións dos procedementos administrativos sancionadores que por razón da súa competencia correspondan á persoa titular desta dirección.

b) A elaboración das propostas de informe dos recursos interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

c) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.