CMATI

|
|
|
Compartir

Proxecto Ríos

Descrición:

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade.

Quen pode participar?

O Proxecto Ríos está aberto a calquera persoa ou colectivo que asuma o compromiso de levalo adiante: asociacións de veciños, de pescadores, deportivas, culturais, sociais, centros educativos, escolas de tempo libre, grupos familiares ou de amigos ....Todo o mundo é benvido , teña ou non coñecementos previos sobre os ríos.

O Proxecto Ríos ten distintos niveis de participación e un proceso temporal para o seu cumprimento:

  1. Contacto coas persoas e grupos participantes: Unha vez que os/as interesados teñan contactado co Proxecto, celebrarase unha primeira xuntanza para expoñer polo miúdo os contidos e metodoloxía do proxecto e resolver calquera dúbida que se poida ter.
  2. Compromiso de mínimos e entrega de materiais: As persoas ou colectivos participantes asinarán un Compromiso de Mínimos co Proxecto Ríos, no que asumirán a responsabilidade de realizar a Inspección de Ríos no tramo ou tramos que escollan, tras o que se lle entregará o material correspondente.
  3. Actividade formativa "Coñece o río": Complementariamente á participación no Proxecto, pódese solicitar a realización da actividade formativa "Coñece o río". Esta actividade componse dunha charla explicativa sobre o ecosistema fluvial e unha visita a unha zona de río. Impartida por técnicos especializados de ADEGA.
  4. Inspección de Ríos: Realización da inspección de ríos e envío das follas de datos recollidos á sede do Proxecto para a súa inclusión na base de datos e no informe anual. + información.
  5. Adopción de ríos: Os/as participantes aceptan responsabilizarse dun tramo de río e involucrarse na súa conservación. O grao de implicación decídeo cada colectivo en función das súas expectativas e posibilidades. + información.
  6. A rede Proxecto Ríos: Un dos obxectivos do Proxecto é a creación dunha rede de cidadáns activos e activas na protección dos ríos e que permita coñecer o seu estado de saúde e prever e solucionar os seus problemas. Para acadar este fin realizaranse encontros entre os distintos grupos participantes, actividades formativas, lúdicas, concursos etc. Entre os plans de futuro figura elaborar unha publicación periódica propia do Proxecto.
Ligazon/s relacionadas