CMATI

|
|
|
Compartir

Plan parcial

Os plans parciais deben someterse a avaliación ambiental estratéxica simplificada, agás cando deban ser obxecto do procedemento ordinario.

Lexislación de referencia:

• Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG)
• Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG)
• Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia

Antes de iniciar a tramitación do plan parcial, os servizos técnicos municipais e as empresas subministradoras e/ou distribuidoras deberán informar, no prazo máximo dun mes, sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos existentes e previstos (artigo 185.2 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia).

A súa tramitación ambiental comprende as seguintes fases (artigo 75.3 da LSG e 186.3 do RLSG):

1. Solicitude de inicio

O promotor do plan parcial debe remitir ao Concello a solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada acompañada dun borrador do plan e dun documento ambiental estratéxico. O Concello dará traslado da documentación presentada polo promotor ao órgano ambiental.

O borrador será un documento que conteña, cando menos, as liñas esenciais do planeamento e permita debater os seus criterios, obxectivos e solucións xerais.

O documento ambiental estratéxico terá, como mínimo, o contido que establece o artigo 29 da Lei 21/2013 de avaliación ambiental.

A documentación do plan (escrita e gráfica) deberá estar adaptada ás Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

2. Consultas previas

O órgano ambiental consultará as administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, que se pronunciarán no prazo de 30 días hábiles.

2. Informe ambiental estratéxico (IAE)

O órgano ambiental formulará o informe ambiental estratéxico tras o remate do período de consultas previas. No IAE determinará se o plan ten ou non efectos significativos no medio:

  • No caso de prever efectos ambientais significativos, o plan deberá someterse ao procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica e o órgano ambiental elaborará o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico.
  • De non prever efectos ambientais significativos, o procedemento ambiental remata e o plan poderá aprobarse nos termos que o propio IAE estableza.

O informe ambiental estratéxico publicarase no Diario Oficial de Galicia e no portal web do órgano ambiental.

Órgano ambiental

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático
Edificio administrativo de San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela

Promotor

Concellos, Administración autonómica, outros órganos competentes no ámbito urbanístico ou particulares lexitimados para a súa formulación.

 

Documento/s relacionados
  • Procedemento ambiental para a tramitación de plans parciais Descargar
  • Fluxograma Descargar
Contacto/s relacionados