CMATI

|
|
|
Compartir

Procedemento ordinario

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, describe no capítulo I do título II, sección 1ª, o procedemento administrativo aplicable á avaliación ambiental estratéxica ordinaria de plans e programas. Comprende as seguintes fases:

1. Solicitude de inicio

O promotor presenta ante o órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, unha solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria acompañada do borrador do plan ou programa e dun documento inicial estratéxico (DIE).  

Do documento inicial estratéxico e do borrador do plan deberá remitir cadanseu exemplar en formato papel e dixital, ou ben só dixital con sinatura electrónica. No soporte dixital incluiranse os arquivos en formato PDF con toda a documentación gráfica e escrita, así como a información cartográfica nun formato compatible cos sistemas de información xeográfica (SIX) segundo as instrucións técnicas publicadas na sección “Información cartográfica”.

Unha vez que o órgano substantivo dea conformidade á documentación presentada remite ao órgano ambiental a solicitude de inicio, o borrador do plan e o documento inicial estratéxico.

2. Consultas previas

O órgano ambiental consulta ás administracións afectadas e ao público interesado sobre a amplitude, nivel de detalle e grao de especificación que debería ter o estudo ambiental estratéxico, e publica o documento inicial estratéxico (DIE) xunto co borrador do plan na páxina web para que o público en xeral achegue as súas consideracións.

3. Documento de alcance (DA)

O órgano ambiental elabora un documento de alcance (DA) no que delimita a amplitude, nivel de detalle e grado de especificación que debería ter o estudo ambiental estratéxico (EAE), e remítello ao promotor e ao órgano substantivo xunto coas contestacións recibidas no período de consultas previas.

4. Estudo ambiental estratéxico (EAE)

O promotor elabora o estudo ambiental estratéxico (EAE) tendo en conta o documento de alcance. No EAE débese identificar, describir e avaliar os posibles efectos ambientais significativos que se derivarán da aplicación do plan, así como unhas alternativas técnica e ambientalmente viables.
Tendo en conta o estudo ambiental estratéxico, o promotor elabora a versión inicial do plan e envía ámbolos dous documentos ao órgano substantivo.

5. Información pública e consultas

O órgano substantivo somete a información pública e consultas a versión inicial do plan, acompañada do estudo ambiental estratéxico (o cal deberá incluír un resumo non técnico). A información pública pode realizala o promotor en lugar do órgano substantivo cando, de acordo coa lexislación sectorial, corresponde ao promotor a tramitación administrativa do plan.

6. Proposta final do plan

Tendo en conta os informes, observacións e alegacións presentados durante a fase de información pública e consultas, o promotor modifica, se é preciso, o estudo ambiental estratéxico e elabora a proposta final do plan. Debe ademais redactar un informe de participación e consultas e un documento resumo no que describa como integrou na proposta final do plan os aspectos ambientais, o estudo ambiental estratéxico e da súa adecuación ao documento de alcance, o resultado das consultas e cómo estas foron tidas en conta.
Toda a documentación sinalada debe remitila o promotor ao órgano substantivo.

7. Declaración ambiental estratéxica (DAE)

O órgano ambiental, unha vez que recibe o expediente de avaliación ambiental estratéxica completo remitido polo órgano substantivo, formula a declaración ambiental estratéxica (DAE). A DAE, informe preceptivo e determinante, inclúe un resumo dos principais fitos do procedemento, os resultados da información pública e das consultas, así como as determinacións, medidas ou condicións finais que deben incorporarse no plan antes da súa aprobación ou adopción definitiva.

8. Proposta definitiva do plan

O promotor incorpora no plan as determinacións recollidas na declaración ambiental estratéxica e, de acordo co previsto na lexislación sectorial, remite ao órgano substantivo a proposta definitiva do plan para a súa adopción ou aprobación.

9. Aprobación e publicidade

O órgano substantivo, se procede, adopta ou aproba o plan e, no prazo de 15 días hábiles, faino público no diario oficial (DOG).

10. Seguimento

O órgano substantivo ha de realizar un seguimento dos efectos no ambiente como consecuencia da aplicación ou desenvolvemento do plan. Para elo o promotor debe remitir ao órgano substantivo, nos termos establecidos na declaración ambiental estratéxica, os informes de seguimento. O órgano ambiental participa no seguimento e pode solicitar información ou realizar as comprobacións que considere necesarias.

Prazos

Os distintos trámites do procedemento administrativo, a emisión de informes, así como o período de información pública e consultas, están suxeitos aos prazos establecidos na Lei 21/2013.

Órgano ambiental

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio
Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático
Edificio administrativo de San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela

Promotor

Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, que pretende elaborar un plan ou programa dos contemplados no ámbito de aplicación da Lei 21/2013, con independencia da administración que no seu momento sexa a competente para a súa adopción ou aprobación.

Órgano substantivo

Órgano da administración pública que ostenta as competencias para adoptar ou aprobar un plan o programa.

 

Documento/s relacionados
  • Procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica Descargar
Contacto/s relacionados