CMATI

|
|
|
Compartir

¿Que é a inspección ambiental?

A inspección ambiental é o instrumento básico empregado pola Administración galega para acadar un desenvolvemento sostible na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os obxectivos fundamentais da inspección ambiental consisten en comprobar o grao de cumprimento da normativa ambiental e dos requisitos impostos nas autorizacións e avaliacións ambientais, e detectar actuacións non autorizadas nin avaliadas pero susceptibles de afectar negativamente ao medio ambiente.

Ademais, nos últimos anos e ante a proliferación de obrigas ambientais, a inspección ambiental tamén leva a cabo unha importante labor de información ambiental tanto aos operadores económicos como aos particulares, coa finalidade de prever calquera dano medioambiental e de acadar un nivel elevado de protección do medio ambiente, potenciando unha cultura medioambiental nas actividades económicas tendente a fomentar os sistemas de autocontrol e xestión medioambiental.

Dende a creación no ano 1998 da Consellería de Medio Ambiente, a inspección ambiental foise consolidando nunha estrutura estable e especializada co fin de garantir que a aplicación da lexislación ambiental sexa cada vez máis eficaz.

Na actualidade, boa parte do traballo de vixilancia e control ambiental desenvolto pola inspección ambiental céntrase naquelas actividades económicas cun maior potencial impacto sobre o medio ambiente, salientando as inspeccións realizadas ás actividades sometidas á autorización ambiental integrada, aos xestores de residuos e aos produtores de residuos industriais.

Dende o ano 2009 a Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia (UPA) traballa conxuntamente coa inspección ambiental no desenvolvemento das súas tarefas.