CMATI

|
|
|
Compartir

Investigación da calidade do solo en Galicia

O solo é un medio receptor da contaminación moi sensible e vulnerable. Esta contaminación representa un serio risco para a saúde humana e os ecosistemas. Historicamente, os estudos de detección da contaminación e as intervencións de prevención centráronse en diferentes áreas do medio, sen ter en consideración o solo como receptor e transmisor da contaminación. Isto débese tanto á complexidade do seu estudo como ao retardo existente na manifestación dos seus efectos.

A primeira norma legal que permitiu unha protección da calidade dos solos foi a Lei 10/1998, de 21 de abril, de residuos. Esta Lei regula os aspectos ambientais dos solos contaminados e faculta ás Comunidades Autónomas para declarar, delimitar e inventariar os solos contaminados, debido á presenza de compoñentes de carácter perigoso de orixe humana.

O Real decreto 9/2005, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados, supón o desenvolmento normativo da Lei 10/1998 en materia de solos. Como primeira actividade, este real decreto obriga as empresas afectadas á preparación dun informe preliminar de situación. A data límite para a entrega deste informe é o 7 de febreiro de 2007.

A Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia establece o réxime xurídico xeral de produción e xestión dos residuos, fomentando, por esta orde a súa redución, reutilización, reciclaxe e outras formas de valorización e a regulación dos solos contaminados, co fin de protexer o ambiente e a saúde humana.

O Decreto 60/2009, do 26 de febreiro, sobre solos potencialmente contaminados e procedemento para a declaración de solos contaminados, regula as obrigas de información dos titulares de actividades potencialmente contaminantes do solo e dos seus propietarios, ademais do momento en que a Administración poderá requirir a realización de análises que permitan avaliar o grao de contaminación do solo e valorar detalladamente os riscos que este representa para a saúde humana ou os ecosistemas.

Obrigas de Información

Titulares de Actividades Potencialmente Contaminantes do Solo

  • Inicio de Actividade: Deberán presentar un Informe Preliminar de Situación (IPS).
  • Revisión (cada 5 anos): Deberán presentar un Informe de Situación (IS).
  • Modificación Substancial: Deberán presentar un Informe de Situación (IS).
  • Peche Definitivo: Deberán presentar un Informe de Situación (IS).
  • Cambio de Titular: Deberán presentar un Informe de Situación (IS).

Propietarios do solo

  • Deberán presentar un Informe de Situación (IS) cando se solicite unha licenza ou autorización para o establecemento dalgunha actividade diferente das actividades potencialmente contaminantes (APC) ou que supoña un cambio de uso do solo, se no pasado ese solo soportou unha APC.