CMATI

|
|
|
Compartir

Plan Básico Autonómico

O PBA ven a complementar o novo marco urbanístico co que o goberno da Xunta pretende impulsar unha ordenación responsable e sostible do territorio, co propósito de garantir un territorio ordenado, sendo unha das ferramentas que se contemplan na Lei do solo e no seu Regulamento.
Este instrumento urbanístico resulta indispensable para plasmar sobre o territorio a complexa realidade da normativa sectorial así como a identificación dos asentamentos de poboación. Asemade, servirá como punto de partida para a posterior elaboración dos Plans Básicos Municipais para os concellos de menos de 5.000 habitantes e, como referencia para os Plans Xerais de Ordenación Municipal.
Unha vez aprobado definitivamente, virá a substituir ás Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais aprobadas no ano 1991, que ata ese momento estarán en vigor.
O borrador do Plan Básico Autonómico, xunto co Documento Inicial Estratéxico foi avaliado polo órgano ambiental que, logo das consultas pertinentes, emitiu o Documento de Alcance. E, unha vez recollidas as apreciacións nel indicadas, elaborouse a versión do Plan Básico Autonómico para a súa aprobación inicial, que tivo lugar por Orde da Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de 14 de decembro de 2017.
Unha vez publicada esta Orde, sométese a información pública por un prazo de dous meses, garantindo así a participación real e efectiva de toda a cidadanía no seu procedemento de elaboración.
Nesta páxina ofrécese a posibilidade de consultar públicamente o visor SIX (sistema de información xeográfico) que permite navegar a través da planimetría oficial coa información do PBA e, o visor de descargas, que permite descargar en formato PDF toda a súa documentación:

  • Memoria
  • Normativa
  • Resumo executivo
  • Estudo de Avaliación Ambiental
  • Expediente administrativo
  • Planos a escala 1:250.000
  • Planos a escala 1:10.000
  • Fichas do Catálogo de Patrimonio Cultural

Estes dous últimos elementos estarán dispoñibles en arquivos comprimidos para cada concello, no visor de descargas, mentres que o resto son descargas xenéricas comúns a todos os concellos dispoñibles na parte superior dereita do visor de descargas.

Ademais prevese un terceiro enlace, a unha conta de correo electrónico xenérica aos efectos de  que os interesados remitan as súas alegacións: tramitacion.dxotu@xunta.gal

Documento/s relacionados
Ligazon/s relacionadas