CMATI

|
|
|
Compartir

Introdución

Os catálogos de Paisaxe constitúen un dos instrumentos para protección, xestión e ordenación da Paisaxe

A Xunta de Galicia entende que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, por canto transcende aos eidos ambientais, culturais, sociais e económicos. Trátase, polo tanto, dunha importante riqueza, única e irrepetible, que deberá de ser tida en conta nas políticas públicas, baixo criterios de desenvolvemento sostible.

Neste contexto os catálogos de Paisaxe constitúen un dos instrumentos para protección, xestión e ordenación da Paisaxe establecidos pola Lei 7/2008, do 7 de xullo, de Protección da Paisaxe de Galicia. Estes documentos desenvólvense dentro da Estratexia da Paisaxe de Galicia promovida dende a Xunta de Galicia.

No caso concreto do catálogo paisaxístico de Deza enmárcase dentro da Gran Área Paisaxística de Galicia Central. A delimitación tanto da comarca paisaxística como das unidades paisaxísticas responde aos diversos paisaxes que se poden atopar nun territorio transcendendo calquera límite administrativo.

O ámbito da comarca de Deza trátase dun espazo ben definido, localizado no interior de Galicia ao nordés da provincia de Pontevedra, e limitado na maior parte do seu perímetro polas formacións montañosas da dorsal central galega. A excepción a atopamos no espazo Suroeste, onde o límite da comarca estará marcado pola bacía do Val do Ulla, que coincide neste territorio co curso do río Deza.

A extensión total da comarca paisaxística será de 785 km2, abranguendo amplas extensións dos concellos de Dozón, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, así coma espazos concretos de Antas de Ulla, San Cristovo de Cea, Forcarei, O Irixo e Piñor. Os concellos de Carballedo, Chantada e Taboada só se ven implicados de maneira testemuñal.