CMATI

|
|
|
Compartir

Seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT)

Sistema de seguimento da sustentabilidade territorial. A xestión dinámica

A elaboración e entrada en vigor das Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e do Plan de Ordenación do Litoral (POL) foron un paso fundamental na estratexia en materia de Territorio na anterior lexislatura. Os instrumentos de ordenación do territorio precisan de ferramentas de seguimento do cumprimento dos seus obxectivos e da avaliación de todos os seus posibles efectos sobre a contorna. Trátase, en definitiva, dun "sistema de seguimento da sustentabilidade territorial", que xunto ás consecuentes accións derivadas dos seus resultados constitúen o que se denomina "Xestión dinámica do territorio".

Este sistema de seguimento da sustentabilidade territorial encádrase no procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados, as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral no marco da Lei 9/2006, do 28 de abril, de avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, e da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia; e ademais, no caso concreto das DOT, polas determinacións da propia Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Órganos e funcionamento do sistema de seguimento

A estrutura do sistema deseñado, non só cumpre coa obriga derivada do artigo 10 da lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, no que se insta a establecer un procedemento axeitado para este seguimento, senón que tamén xurde como convicción da necesaria coordinación administrativa, dun xeito transversal. A partires destas claves, os actores do sistema son os seguintes:

A Comisión de Seguimento, como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e responsable última do desenvolvemento deste seguimento.

No seo desta Comisión constitúense os diferentes Grupos técnicos de traballo (GTT), nos que cada departamento autonómico con competencias de alcance territorial terá un papel protagonista na elaboración e validación das propostas para as ferramentas de seguimento e os seus resultados.

Neste esquema, o IET exerce o papel de coordinación técnica e análise,sendo o responsable de achegar as propostas e ferramentas de traballo aos diferentes GTT, convocar e coordinar as súas reunións e, finalmente, elevar á Comisión, para a súa aprobación, os acordos acadados no seo destes grupos. Así o fluxo de traballo previsto responde a: o IET formula as propostas, os GTT traballan, consensúan e as validan, e a Comisión apróbaas.

As ferramentas

Para este seguimento resulta imprescindible chegar a modelizar a realidade baixo a perspectiva dos obxectivos destes instrumentos, incluíndo entre os seus métodos un sistema de indicadores o máis obxectivo posible considerando as posibilidades dos datos. Así, o sistema dotouse dun conxunto de ferramentas que pretenden dar resposta a tres cuestións claves: Facemos o que establecemos nos instrumentos de Ordenación en vigor?, ¿É eficaz cara a sostibilidade? e, finalmente, Como percibe a cidadanía o desenvolvemento destes instrumentos?

Para a primeira das cuestións establécense os denominados  indicadores de desenvolvemento e implantación (IDI). E, para a pregunta clave, a que se cuestiona a súa eficacia cara á sostibilidade proponse o sistema de indicadores de sostibilidade territorial (IST). Estes xorden das variables de sostibilidade dos Informes de Sostibilidade das DOT e do POL, recollidas na súa memoria ambiental e nun longo traballo de ensaio realizado polo propio IET. O modelo conceptual no que se apoia este sistema permite agrupar estes indicadores (IST) nos seguintes grandes bloques: ocupación do territorio, paisaxe, patrimonio natural, patrimonio cultural, sociedade e economía, metabolismo, e mobilidade.

Tódolos indicadores-tema agrupados nestes bloques permitirán valorar os efectos das determinacións das DOT na ordenación territorial e valorar a eficacia para encamiñar Galicia cara á sociedade da sustentabilidade.