CMATI

|
|
|
Compartir

A etiqueta ecolóxica europea

O sistema de etiquetaxe ecolóxica europeo é un instrumento voluntario destinado a promover o deseño, a produción, a comercialización e a utilización de bens e servizos con menores repercusións no ambiente.

A etiqueta ecolóxica é un símbolo fácil de identificar e proporciona ás persoas consumidoras un distintivo que lles permite recoñecer tales bens ou servizos no mercado.

Lexislación

  • Decreto 150/2013, do 5 de setembro, polo que se regula a aplicación do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Real decreto 234/2013, do 5 de abril, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento (CE) nº 66/2010, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

Produtos que se poden etiquetar

Aqueles bens ou servizos, no sucesivo produtos, subministrados para distribución, consumo ou utilización no mercado comunitario, xa sexa mediante pagamento ou de forma gratuíta, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o produto estea incluído nalgunha categoría que dispoña de criterios para o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE.
b) Que o produto proceda da Comunidade Autónoma de Galicia, que se fabrique ou se preste no seu territorio, ou que se comercialice nel se procede de fóra.
 

Nota: Queda excluído calquera tipo de produto sanitario, en particular os medicamentos para uso humano definidos na Directiva 2001/83/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 6 de novembro de 2001, pola que se establece un código comunitario sobre medicamentos para uso humano, e os medicamentos veterinarios definidos na Directiva 2001/82/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 6 de novembro de 2001, pola que se establece un código comunitario sobre medicamentos veterinarios, así como aqueloutros produtos que se exclúan do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE conforme o previsto na normativa de aplicación.

O listado de produtos dispoñibles con etiqueta pódese consultar na web do Catálogo Europeo da etiqueta ecolóxica

Solicitude da etiqueta ecolóxica

O procedemento de outorgamento da etiqueta ecolóxica europea iniciarase coa presentación, pola persoa interesada, da seguinte documentación:

  • Formulario de solicitude (pode descargalo aquí ou dende a sede electrónica da Xunta de Galicia mediante o procedemento: MT971A).
  • Descrición detallada do produto e documentación pertinente conforme o previsto na disposición da Comisión Europea pola que se establecen os criterios da etiqueta ecolóxica da UE para a categoría do produto. Presentaranse, preferentemente, probas acreditadas de conformidade coa ISO 17025 e verificacións realizadas por organismos acreditados segundo a Norma EN 45011 ou norma internacional equivalente.
  • Acreditación do abono da correspondente tasa administrativa (consultar o final desta páxina)        

Nota: A persoa interesada poderá presentar calquera outra documentación complementaria relativa ao produto que considere que poida servir de base para o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE.

Forma de presentación das solicitudes:

  • Preferiblemente por vía electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia 
  • Ou presencial en calquera dos rexistros e lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Condicións de utilización

A utilización da etiqueta ecolóxica europea polas persoas ás cales se lles outorgase o devandito distintivo estará suxeita á sinatura dun contrato co órgano competente, que se axustará ao disposto polo anexo IV do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

Revogación

O órgano competente poderá revogar o outorgamento da etiqueta ecolóxica polos seguintes motivos:

a) Falseamento dos datos subministrados por parte da persoa titular.
b) No seu caso, incumprimento da prohibición da utilización da etiqueta ecolóxica.
c) No seu caso, omisión das medidas necesarias para que cese o incumprimento dos criterios aplicables á categoría do produto correspondente ou das condicións de uso da etiqueta ecolóxica da UE no prazo sinalado polo órgano competente.
d) Incumprimento das condicións fixadas no contrato asinado co órgano competente.
e) Obstaculización da verificación do cumprimento dos criterios da etiqueta ecolóxica da UE, dos requisitos de avaliación publicados e das condicións de uso establecidas.
f) Incumprimento do deber de comunicar ao órgano competente as modificacións nas características dos produtos que afecten o cumprimento dos criterios.
g) A modificación dos criterios ecolóxicos aplicables á categoría do produto (sen prexuízo da posibilidade de seguir utilizando a etiqueta durante o prazo que prevexa a correspondente disposición da Comisión Europea e de formular unha nova solicitude conforme os novos criterios).

Confidencialidade

A persoa interesada na etiqueta ecolóxica da UE deberá informar ao órgano ambiental, no momento de presentar a solicitude, daqueles aspectos do produto sobre os que deba manterse a confidencialidade por atoparse suxeitos a propiedade ou a segredo industrial ou comercial.