CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta, no marco do Plan de actuacións fronte as altas temperaturas, sinala o nivel de prealerta para diversos concellos galegos

O plan está operativo dende o 1 de xuño, e da súa coordinación encárganse, ademais da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Política Social e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2018.- A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor, no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, informa dunha situación de prealerta de vaga de calor.

Segundo informa Meteogalicia, a partir de hoxe superaranse os 35 graos en practicamente toda a comunidade, rexistrándose valores de máis de 40 no Val do Miño e no Val do Sil. As únicas zonas da comunidade nas que non terá tanta incidencia a ola de calor serán A Mariña lucense e a costa coruñesa de Bergantiños, onde a previsión é que non se superen os 25 graos de máxima.

En todo caso, o pico máis alto das temperaturas prevese para mañá, venres, cando as mínimas superarán os 20 graos en case toda a comunidade. En canto á previsión para o sábado, agárdase unha situación moi similar, con temperaturas máximas diúrnas novamente entre os 35 e os 40 graos e noites tropicais. A masa de aire cálido responsable desta ola de calor permanecerá en Galicia ata o domingo.

Cómpre lembrar que para falar de vaga de calor é necesario que durante tres días continuados as máximas se manteñan en valores moi elevados e que durante a noite a temperatura non baixe dos 20 graos.

Os concellos con nivel de risco 1A (prealerta) son os seguintes: Carnota, Cee, Corcubión, Moeche, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Quiroga, Ribas de Sil, Cortegada, Lobios, Petín, Pontedeva, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Meaño, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Pontevedra, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Rosal, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Cerdedo-Cotobade.

Sistemática de intervención

O Comité de Plan de Calor está formado, ademais de pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde; a Vicepresidencia e Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; Política Social, e Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Este plan, que está operativo dende o un de xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de previsión, alerta e comunicación a utilizar, e, ademais, define unha sistemática de intervención segundo os niveis de alerta establecidos. Por outro lado, establece as canles de coordinación interinstitucional entre as unidades competentes nesta materia.

Neste plan, os medios de comunicación e toda a cidadanía e organismos que constitúen a rede social de apoio existente á poboación máis vulnerable, son pezas básicas para evitar, na maior medida posible, danos á poboación.

Recomendacións

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es