CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia e Portugal realizan as primeiras inspeccións ambientais conxuntas a instalacións industriais de ambos territorios

O programa ‘Joint Inspection’ busca facer unha posta en común dos procedementos de vixilancia ambiental de actividades afectadas pola directiva europea de emisións industrias e o intercambio de experiencias profesionais

O equipo que colaborou nesta primeira inspección cooperativa estaba formado por 2 inspectores e 1 técnico ambiental galegos e 2 inspectores e 1 técnico lusos
 

Santiago, 7 de agosto de 2018.- Un equipo formado por inspectores galegos e portugueses realizaron ao longo da semana pasada controis ambientais conxuntos en instalacións a ambos lados da fronteira afectadas pola Directiva de Emisións Industriais (DEI) e que contan con Autorización Ambiental Integrada (AAI). Trátase dunha experiencia pioneira en Galicia, onde nunca antes se levaran a cabo este tipo de inspeccións conxuntas.

A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Inspeção-Geral da Agricultura, do Mar, do Ambiente e do Ordenamento do Território (IGAMAOT), dependente do Goberno portugués, permitiu executar entre o 30 de xullo e o 3 de agosto unha serie de controis ambientais rutineiros nunha instalación do sector dos residuos localizada en territorio luso e nunha empresa adicada á fabricación de compoñentes de plástico en Galicia.

O obxectivo do chamado programa Joint Inspection é a posta común dos procedementos de traballo e o intercambio de experiencias no desenvolvemento deste tipo de inspeccións, especialmente no relativo a aspectos tales como procedementos e protocolos, ferramentas informáticas, modelos de actas e informes, grao de cumprimento das instalacións e aplicación do Índice de Risco Ambiental (IRAM), empregado para avaliar a frecuencia das inspeccións rutineiras.

Este programa xorde a raíz dos bos resultados das inspeccións conxuntas entre países da UE, o que levou a poñer sobre a mesa o pasado mes de maio a oportunidade de que tamén as comunidades transfronteirizas se sumaran e puxeran en práctica este tipo de experiencias. No caso concreto de Galicia e Portugal, acordouse encomendar a un equipo integrado por 6 especialistas -dous inspectores e un técnico ambiental galegos e outros dous inspectores e un técnico lusos- unha acción conxunta de inspección ambiental de actividades afectadas pola DEI e que dispoñan de AAI.

O labor inspector en Galicia

A inspección ambiental en Galicia constitúe o instrumento esencial para garantir e facer efectivo o cumprimento da lexislación ambiental, a través da detección de infraccións e da colaboración cos titulares de actividades e instalacións, informándolles das obrigas e responsabilidade e potenciando unha cultura de responsabilidade.

En definitiva, o labor de inspección consiste en comprobar o grao de cumprimento da normativa ambiental e dos requisitos sinalados nas autorizacións e avaliacións ambientais; coa finalidade de prever calquera dano medioambiental e de acadar un nivel elevado de protección do medio ambiente, potenciando unha cultura medio ambiental nas actividades económicas que fomente os sistemas de autocontrol e xestión medioambiental.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es