CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O labor inspector de Augas de Galicia permite eliminar un punto de vertido de orixe industrial no Concello de Caldas de Reis

O foco foi localizado no interior dunhas instalacións de fabricación de vasoiras

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2018.- O labor inspector dos técnicos de Augas de Galicia permitiu eliminar este verán un punto de vertido de orixe industrial localizado nunhas instalacións dedicadas á fabricación de cepillos e vasoiras, no concello de Caldas de Reis (Pontevedra).

No transcurso dunha inspección no marco do Plan de Control de Vertidos, persoal de Augas de Galicia acompañado por membros do servizo de gardaría fluvial identificaron un vertido de augas residuais procedentes da purga do sistema de refrixeración das instalacións, que se vertían directamente desde o interior cara á canalización de pluviais do terreo que as rodeaba.

Tras poñer esta situación en coñecemento do titular da fábrica, técnicos do organismo de conca fixeron unha nova inspección durante a que comprobaron que a incidencia xa fora resolta mediante a instalación dun depósito onde agora se almacenan as augas residuais ata o momento en que un xestor autorizado pasa a recollelas.

Cómpre lembrar que a detección e posterior eliminación deste foco contaminante foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de control de vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles localizados nas redes municipais de saneamento.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es