CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia representará ás comunidades españolas no Consello de Ministros Europeos de Medio Ambiente do 9 de outubro

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defenderá ante os representantes comunitarios a posición común autonómica en asuntos como o futuro regulamento comunitario sobre emisións para vehículos lixeiros ou o convenio para frear a perda de biodiversidade na UE

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2018.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistirá este martes 9 de outubro en Luxemburgo ao Consello de Ministros de Medio Ambiente para defender a postura común de todas as comunidades españolas sobre os asuntos que se debaterán nesta xuntanza.

Os tres temas principais que figuran na orde do día do Consello serán a proposta dun novo regulamento comunitario no que se fixarán normas de emisións de CO2 para vehículos lixeiros (turismos e furgonetas), as conclusións sobre a posición da UE na Conferencia das Partes de Cambio Climático (COP 24) que se celebrará en Katowice (Polonia) en decembro e a postura dos Estados membros en relación ao convenio para frear a perda de diversidade biolóxica.

Cómpre lembrar que o pasado mes de xuño Galicia relevou oficialmente ao País Vasco como representante das comunidades ante o Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE e nos grupos de traballo desta institución durante o segundo semestre deste ano, un período no que está previsto que os ministros se reúnan en dúas ocasións: o 9 de outubro e o 20 de decembro.

Durante os últimos tres meses, Galicia liderou as reunións e grupos de traballo nos que todas as comunidades pactaron a súa postura respecto dos asuntos a debater no próximo Consello de Ministros de Medio Ambiente. Esa posición común e consensuada será a que defenda o martes en Luxemburgo a conselleira Ángeles Vázquez, que formará parte da delegación española encabezada pola ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es