CMATI

|
|
|
Compartir

As costas

A zona litoral constitúe unha área de transición entre os sistemas mariños e os terrestres. Nela encóntranse ecosistemas moi dinámicos, en constante evolución e cambio. Trátase de ambientes moi expostos, influenciados por multitude de factores como o vento, as ondas, as correntes, as mareas, a salinidade e a chuvia. Estes axentes son os responsables dos procesos de erosión, transporte e sedimentación que moldearon as belas paisaxes das costas galegas de dúas formas moi distintas. Nas rías baixas predominan as formas suaves, mentres que as rías altas e centrais son moito máis accidentadas e presentan perfís acantilados. Outros axentes terrestres, como a composición xeolóxica, teñen tamén unha influencia decisiva. Por unha parte, as rochas máis resistentes deron lugar aos característicos cabos da costa galega como consecuencia do ascenso do nivel do mar tras as glaciacións; por outra parte, a tectónica é a principal responsable da formación das rías e das illas atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora).

No ambiente litoral existe unha gran variedade de ecosistemas cunha flora e fauna características. Cabe destacar a zona intermareal, praias, acantilados, sistemas dunares, barras e lagoas litorais, salgais e estepas salinas, marismas, estuarios, etc. Dos 64 hábitats costeiros definidos no Estado español, a gran maioría podemos atopalos na nosa comunidade.

As dunas e os cantís son especialmente ricos en flora, moita da cal constitúen endemismos asociados a estes ambientes nos que reinan unhas duras condicións ambientais. Entre a vexetación dunar, podemos encontrarnos na costa galega con especies tan representativas como o cardo marítimo (Eringium maritimum) ou o feo marítimo (Ammophila arenaria subsp. australis). Nos cantís, as plantas están adaptadas ás salpicaduras do mar cargadas de sal, ao azoute dos fortes ventos e ás fortes pendentes. Unha das especies máis adaptadas a este medio é o fieito costeiro (Asplenium marinum), que forma por si mesmo unha asociación vexetal.

En canto aos insectos, nas praias é frecuente a presenza do carábido Eurinebria complanata, que actualmente se encontra en regresión. Nas dunas é común o tenebriónido Tentyria corculionoides interrupta, un escaravello negro que podemos ver correndo incansablemente na busca de alimento. Outra especie moi común e representativa das dunas é o lepidóptero nocturno Britis crini, cuxas eirugas brancas e negras podemos ver alimentándose sobre a azucena de mar (Pancratium maritimun). E outro habitante moi abundante sobre a vexetación dunar é o caracol Theba pisana, que ás veces forma grupos en forma de acio moi numerosos.

Pero non obstante, un dos grupos faunísticos máis rechamantes na costa son as aves acuáticas. No noso territorio é fácil observar, sobre todo durante os pasos migratorios, numerosas especies de limícolas, aves de pequeno a mediano tamaño que corren pola area e o limo na busca de comida, e que utilizan as nosas costas para facer un alto no seu camiño e coller forzas para o resto da súa longa viaxe. Entre estas son moi comúns os pilros (Calidris spp.), as píllaras e píldoras (Charadrius spp. e Pluvialis spp.) e os biluricos (Tringa spp.). Os patos son tamén unhas aves moi ben representadas no sector costeiro da nosa comunidade, sendo a especie máis abundante o lavanco (Anas plathyrhynchos). Gaivotas e carráns, corvos mariños e garzas son outros dos grupos de aves máis representativos neste tipo de ambientes.

A fauna invertebrada e as algas da zona intermareal son organismos moi representativos da costa e reúnen adaptacións moi particulares para sobrevivir neste ambiente tan extremo e cambiante. Entre a baixamar e a preamar a auga permanece só nas charcas que se forman no sector intermareal. Tanto os animais como as algas que nelas habitan deben resistir o cambio das condicións físico-químicas do ambiente en que viven, estando os períodos de alimentación e ondada determinados polo ciclo das mareas. Así, para estes organismos que se ven expostos ao aire coa baixada da marea, o factor limitante é o alimento e a deshidratación. Porén, para os que pasan a maior parte do tempo somerxidos, o factor limitante é a salinidade da auga, xa que é moi variable en función do grao de insolación, achega de augas continentais e os fortes movementos do mar, entre outros factores. Entre a fauna son abundantes os cirrípedos, especialmente adaptados ás duras condicións intermareais; un bo exemplo destes son os percebes (Pollicipes cornucopia) e os arneiróns (Balanus perforatus, Chthamalus stellatus). Os moluscos como o mexillón de rocha (Mytilus galloprovincialis), as lapas (Patella spp.) e outros pequenos gasterópodos ligados á franxa intermareal completan unha lista que enriquece enormemente a biodiversidade da nosa costa.


As macroalgas que predominan son as verdes (Ulva rigida, Enteromorpha spp.) e as pardas (Fucus vesiculosus, F. serratus, Pelvetia canaliculata), que contan con sistemas de fixación que as ancoran ao substrato, permitíndolles resistir as mareas e as fortes ondadas.